A programación de actividades con motivo do 8-M iniciouse esta semana e desenvolverase ata o vindeiro mes de abril.
A Universidade da Coruña celebra hoxe o Día Internacional da Muller con dous actos principais abertos a toda a comunidade universitaria.
O primeiro deles, celebrado no Campus Industrial de Ferrol, tivo lugar ás 11:30 horas na Praza de Humanidades, e consistiu na lectura dun manifesto e a posterior realización dunha foto participativa coas persoas asistentes.
Ademais, esta tarde a sala de Prensa da Reitoría acollerá un acto coa presenza da divulgadora científica Tamara Pazos Cordal, onde se procederá á lectura dun manifesto e terá lugar unha acción participativa baixo o título “Eslógans do 8-M”, na cal as persoas asistentes poderán escribir os seus lemas nunha pancarta habilitada para tal fin, que acompañará á comitiva da comunidade UDC na marcha para unirse no Obelisco á organizada polo Concello da Coruña ás 20:00 horas.
Tamén se procederá ao reparto de camisetas conmemorativas, ata fin de existencias, para os membros da comunidade universitaria que participen nos diversos actos programados.
A Universidade da Coruña iniciou esta semana a programación de diversos actos con motivo do 8-M, que se prolongarán ata o vindeiro mes de abril, nos diferentes centros e espazos da institución.
Así, o día 6 ás 12:00 horas, a Facultade de Ciencias da Educación organizaba unha cadea humana “contra o feminicidio, infanticidio e epistemicidio do pobo palestino”, diante das Facultades de Dereito, Informática, Ciencias, Filoloxía, Humanidades (Campus Industrial de Ferrol) e no patio da Reitoría. Tamén o día 6 ás 13:00 horas, o salón de actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura acolleu o Pekakucha 8M-2024_EXITOSAS-XEITOSAS, no que participaron Myriam Goluboff Scheps, Elvira Carregado Pazos, Cristina Ansede Viz, Noemí Basanta Cheda, Blanca Escrigas Fernández eNerea López Bolón.
A Facultade de Economía e Empresa (FEE) da UDC desenvolve ata o día 20 de marzo as Xornadas 8M «Mulleres e independencia económica: traballo e sociedade en perspectiva histórica». Dentro delas, os días 6 e 7 de marzo celebrouse o obradoiro “Crea o teu póster divulgativo/científico e gaña premios!”. Esta actividade terá continuidade cando do 14 ao 20 de marzo se expoñan as creacións e se abran as votacións para escoller a peza favorita.
Xa o 18 de marzo, a FEE organiza unha charla sobre mulleres, traballo e sociedade en perspectiva histórica, con expertas da Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade de Sevilla. Así mesmo, o día 20 de marzo o centro acollerá a proxección dunha película e posterior coloquio, en horario de 16:00 a 18.30 horas.
Tamén o día 20 de marzo, o Centro de Estudos de Xénero e Feministas levarán a cabo a primeira conferencia do “Ciclo de Diálogos entre feminismos 2024”, a cargo de Helena López González, investigadora do Centro de Investigacións e Estudos de Xénero da Universidade Nacional Autónoma de México, baixo o título “Sentidos do 8-M. Día Internacional da Muller”.
Pola súa banda, a Facultade de Ciencias da Educación está desenvolvendo a realización dun tapiz conmemorativo feito polos membros da comunidade UDC, iniciado con motivo do 25-N (Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller) e para o que organizaron dúas xornadas de costura colectiva e presencial os días 7 e 8 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas. Tamén en conxunto coa conmemoración do 25-N, a biblioteca deste centro conta cunha exposición de fanzines ata o 20 de marzo.
Na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física realizarase un reparto de pulseiras e terá lugar a publicación dos resultados da enquisa aplicada ao alumnado relacionada coa percepción sobre a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, ás 12:00 horas, o hall da facultade acollerá unha lectura de poemas de poetisas palestinas. A biblioteca do centro contará cun punto de interese con libros de temática feminista, en concreto sobre os corpos normativos, así como un mural con fotografías de mulleres “non normativas”.
Xa para o mes de abril está prevista a celebración dun ciclo de conferencias de xénero, actividade física e deporte, con mulleres académicas e deportistas.