Recuperará a súa configuración orixinal como bulevar con máis espazos peonís e a incorporación de 80 novas árbores
A semana que vén darán comezo as obras de reurbanización da rúa San Andrés, unha intervención na que o Concello efectuará un investimento de 3,2 millóns de euros coa finalidade de humanizar e adaptar unha das principais arterias da cidade e reforzar o seu carácter eminentemente comercial.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou esta mañá os principais obxectivos que se persiguen con esta actuación, que afectará ao treito de San Andrés comprendido entre os cruzamentos coas rúas Juana de Vega e o cruzamento de San Andrés coa rúa Sol. “Queremos gañar espazos peonís para as persoas e tamén naturalizar a rúa, devolvéndolle parte da súa imaxe orixinal. Para iso, temos previsto plantar máis de 80 árbores. Concretamente, Morus alba, a moreira de Valdeorras que xa existía en San Andrés a finais do século XVIII”, subliñou.
A reurbanización da rúa tamén suporá unha remodelación dos espazos destinados á circulación de vehículos. Tras completarse os traballos, San Andrés pasará a estar disposta en formato de plataforma única. Haberá un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro disporanse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén se ampliarán e renovarán, con novas lousas de granito.
Ademais, tamén se gañarán espazos para as zonas de carga e descarga. Disporanse dúas, de 21 e 30 metros de lonxitude: a primeira, entre os números 144 e 150, a segunda, na intersección coa rúa Nova.
A isto sumaranse, ademais, as melloras previstas nos servizos públicos das redes de saneamento e iluminación: no primeiro caso, substituiranse os antigos colectores por uns novos, máis modernos e seguros, reforzados fronte a hipotéticas fugas; no caso da iluminación, nos báculos instalaranse novos dispositivos led.
En paralelo, tamén se renovará o mobiliario urbano existente na rúa, unha medida que implicará, a maiores, a instalación de novas marquesiñas nas paradas de transporte urbano.
A este respecto, o Goberno de Inés Rey tamén acometerá traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum —coñecido comunmente como a árbore do amor— situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina.
O obxectivo da intervención é recuperar o formato orixinal de bulevar que tivo a vía nos seus orixes e potenciar así o seu carácter como zona comercial e punto de encontro e convivencia dos cidadáns e cidadás.
A primeira das fases dos traballos dará comezo este luns
As obras, adxudicadas en decembro á UTE composta polas empresas Abeconsa e Canarga, terán un prazo de execución de 12 meses e estarán divididas en fases específicas.
A primera fase activarase o vindeiro luns 11 de marzo e durará ata Semana Santa. Neste período darán comezo os traballos de implantación, acopio e localización de servizos afectados, así como os relacionados con topografía. Ademais, tamén se iniciará a reposición da rede de augas fecais, unha das medidas xa previstas polo Concello en materia da mellora de infraestruturas na contorna.
Isto suporá a necesaria supresión da liña de estacionamento en cordón existente entre as rúas Santa Catalina e Pórtico de San Andrés, co obxectivo de facilitar estas primeiras actuacións. Porén, cómpre lembrar que, durante esta primeira fase, a circulación do tráfico rodado pola rúa San Andrés seguirá estando habilitada en ambos os sentidos.
Unha vez que remate esa primera fase, o Concello dará comezo á seguinte, a desenvolver nun prazo aproximado de entre cinco e seis meses, período no que xa se farán efectivos os primeiros cortes de circulación do tráfico rodado á volta da Semana Santa. Os traballos obrigarán a cortar o tráfico desde Santa Catalina ata o cruzamento con Sol, que tamén será reformado. Segundo rematen as obras de reforma do firme na zona do cruzamento con Sol ese último tramo volverá abrir ao tráfico. Aínda que as obras previstas obrigarán a desviar o transporte urbano, manteranse as liñas 3 e 7 en sentido San Agustín durante esa fase das intervencións. Unha vez finalicen os traballos desta primeira fase (previsiblemente en verán) comezará a última parte da rehabilitación de San Andrés, que suporá o corte total da vía desde a praza de Pontevedra.
Durante a duración de todos os traballos manterase o tránsito peonil e o acceso aos garaxes.