Os rivais dos betanceiros ocupan a 5ª posición cun balanzo de 2v/3d
Achégase o ecuador da última fase da Primeira División e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos viaxa a Noia para medirse ao equipo local, co obxectivo de conseguir unha nova vitoria que o consolide na cabeza da clasificación. O equipo de Antonio “Doc”, cunha vitoria máis ca o Baloncesto Cambre (ao que recibirá a semana vindeira) non quere confiarse: o rival é quinto na clasificación, si, aínda que está empatado a vitorias co PBB, cuarto na táboa e último equipo que, de celebrarse a día de hoxe a Final a Catro, completaría os cruzamentos polo título.
O CB Berberecho de Noia, todo un clásico do baloncesto galego, está dirixido polo coñecido Ángel Castro e, como acontece con outros equipos da Primeira Nacional, conta nas súas filas con xogadores que xa competiron en ligas superiores, coma o ex-Rosalía Jorge Pérez Córdova e o ex-obradoirista Tomás Álvarez Fuentes, e auténticos “veteranos” nas selección autonómicas de formación como Miguel Gil Rodríguez. Un tanto irregular na primeira fase de liga (por culpa fundamentalmente das lesións) o conxunto noiés, con todo, foi quen de derrotar ao PBB nese treito de competición e faise forte na casa, onde só perdeu 3 partidos no que vai de temporada. O encontro terá lugar no Alonso Rodríguez de Noia o sábado ás 18h.