O Grupo Municipal dos Socialistas de Palas de Rei rexistrou a pasada semana a través da súa voceira local unha instancia dirixida ao executivo local, solicitando con carácter urxente unha reunión, motivada polos últimos acontecementos relativos á posible implantación da empresa lusa Altri no noso concello. Este encontro materializouse no día de hoxe, nunha xunta de portavoces.
O concello de Palas é un concello afectado dende o punto de vista administrativo, sen contar coas implicacións ambientais agora coñecidas, despois da publicación e apertura do período de información pública da solicitude de autorización ambiental integrada, do estudo de impacto ambiental, da declaración de utilidade pública e do proxecto para a implantación da factoría. Na contorna, e mesmo noutros territorios, existe unha importante sensibilidade e preocupación, motivadas polo alcance e impacto dun proxecto destas características.
Dende o grupo socialista defende o lexítimo dereito de revisión e alegación por parte da veciñanza e persoas afectadas, e poñemos o foco na necesidade de seguir este período dende o rigor, a transparencia e a responsabilidade que lle corresponde ás distintas administracións.
Así, consideramos totalmente desacertado e imprudente, verter información sobre a inexistencia de alegacións ou oposición, baseándose no suposto número de escritos dirixidos ao rexistro local. Así mesmo, entendemos que tampouco é axeitada nin oportuna a información correspondente á suposta entrega de currículos nas dependencias municipais.
Tódolos datos ofrecidos en relación á creación de postos de traballo convertéronse nun reclamo ata a data sen fundamento, mesmo así se desprende dos informes publicados, e polo tanto, faltando ao rigor e coherencia necesarios nun proceso así, o cal pode interferir coa percepción pública do proxecto.
Dende o grupo socialista, seguiremos coa revisión da información publicada, promovendo e participando en tódolos encontros que sexan necesarios e que tamén reclame a veciñanza.