A segunda edición deste mercado chega esta tarde á súa fin, logo de toda unha fin de semana que contou coa presenza dunha trintena de operadores amparados baixo este distintivo
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, puxo en valor o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria na segunda edición de Merca Delicadeza en Lalín. O mercado, no que estiveron presentes unha trintena de operadores amparados baixo este distintivo, chega esta tarde á súa fin logo de celebrarse durante toda a fin de semana na praza da Igrexa desta localidade pontevedresa.
Esta cita, organizada en colaboración co Concello de Lalín, repetiu o éxito da súa primeira edición cunha ampla programación coa que se resalta o importante papel destes artesáns na produción alimentaria da nosa comunidade, favorecendo ao mesmo tempo á dinamización económica do sector a través de alimentos con selos de calidade diferenciada. O evento estivo dinamizado por diversas actividades para todos os públicos, con degustacións, catas e talleres levados a cabo por chefs e prescritores, acompañados polos propios produtores, pondo en valor elaboración con produtos de Artesanía Alimentaria.
Hoxe, último día da feira, Merca Delicadeza ofreceu dende obradoiros para nenos ata a degustacións de produtos de calidade diferenciada, ademais de concertos, sorteos ou un obradoiro de Artesanía de Galicia -presente ao longo de todo o evento-, centrado neste caso no “gyotaku”, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá.
Entrega de Cartas Artesás
De feito, nesta segunda edición catro novas empresas -Xeou! Helados (xeados), Mamá Teresa (repostería), Quintián (queixos) e Traloagro (elaboración de produtos cárnicos)- recibiron a súa Carta Artesá, incorporáronse ao listado de operadores que xa formaban parte do selo de Artesanía Alimentaria.
A Consellería do Medio Rural puxo en marcha este distintivo no ano 2020, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Ademais, co fin de protexer o bo facer dos artesáns, busca defender a súa profesión ante etiquetaxes enganosos así como conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.