Presentación do cómic ‘Memorias dun neno labrego’ en Lugo este xoves

por Redacción Lugo

O xoves 14 de marzo, celebrarase, ás 19 h, no panóptico do Vello Cárcere, en Lugo, a presentación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, ilustrado por Iria Aldegunde.

Acompañando a ilustradora, estarán Marta Veiga, xornalista; Sabela Núñez Singala, escritora; Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas; e Pedro F. Pedrouzo Devesa.

Contará coa interpretación musical do grupo A Quenlla, que musicarán dous poemas de Neira Vilas. 

Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada pola ilustradora Iria Aldegunde con sentimento e bo pulso narrativo. 

Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre.

Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica. 

Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.

Nesta novela gráfica atoparedes moitas desas respostas.

XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Da súa extensa e variada obra literaria, cómpre salientar «Memorias dun neno labrego» (1961), das novelas galegas máis reeditadas e traducidas.

IRIA ALDEGUNDE (Santiago de Compostela, 2000). Historietista, compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos «Florencio» (2022) e «Gaspariño XXI» (2023).

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario