Cun orzamento total de 480.000 euros, a Deputación financia 20 proxectos de investigación en eidos que van das ciencias da saúde ás humanidades e 28 bolsas de estudos artísticos, que permitirán aos novos talentos coruñeses completar a súa formación en centros de fóra de Galicia e do estranxeiro
A Deputación da Coruña vén de publicar as bases das súas bolsas para apoiar á mocidade coruñesa na realización de proxectos de investigación en distintos campos de coñecemento e perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2024.
Ambas convocatorias suman un orzamento de 480.000 euros para un total de 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases das bolsas de investigación, un total de 20 para o curso 2024. As bolsas pretenden “ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, explicou o presidente, Valentín González Formoso, que explicou que poderán optar ás mesmas persoas con titulación universitaria con menos de 36 anos de idade e residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán realizar un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses. Convócanse 5 bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, 4 de ciencias da saúde, 5 de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, 4 de ciencias e 2 de enxeñería e arquitectura.
25 bolsas de perfeccionamento artístico
No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, as bases da convocatoria publicáronse no BOP do pasado venres, 8 de marzo. A Deputación dedica este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.
A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante nalgunha destas áreas: audiovisual (4 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (14) e teatro e interpretación escénica (3 bolsas).
Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas da provincia da Coruña completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron mellorar a formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia ou en centros especializados en artes de Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou Países Baixos.
Solicitudes
A apertura do prazo de presentación de solicitudes para estas bolsas determinarase coa publicación das mesmas na Base Nacional de Subvencións e no BOP. O remate do mesmo será o día 16 de abril ás 14.00 horas.