Habilitouse unha senda de uso mixto para peóns e ciclistas na marxe esquerda da vía, con 2,2 km de lonxitude e un ancho medio de 2,5 metros
A Xunta rematou as obras da nova senda entre Proame e O Cancelo, no concello da Laracha, que supuxeron un investimento autonómico de case 1,5 M€.
Os traballos están finalizados, restando tan só a colocación de aproximadamente 10 metros de varanda, que se acometerá esta mesma semana, previsiblemente o xoves.
Esta actuación completa un itinerario peonil continuo de máis de 7 quilómetros ao longo da estrada autonómica AC-552 ao seu paso por este municipio.
O novo itinerario ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños, conectando as vivendas da zona de Proame cos servizos e equipamentos do municipio.
Trátase dunha senda de uso mixto, peonil e ciclista, pola marxe esquerda e en paralelo á estrada AC-552, de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros.
O itinerario executouse en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración na contorna. Dispúxose, ademais, unha franxa verde de separación que oscila entre os 1 e os 2 metros, en función do ancho dispoñible, e elevada sobre a beiravía.
Nas zonas de vivenda ou de negocios habilitáronse aparcadoiros en liña e tamén se mellorou a accesibilidade das paradas de autobús, dispoñendo máis espazo para os peóns e pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas propias paradas.
Ademais, coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe, executouse unha pasarela de preto de 16 metros de longo, onde esta semana se colocará a varanda metálica, para continuar o itinerario.
A senda dá continuidade aos itinerarios xa rematados en anos anteriores: entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km; e entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 millóns de euros.
A intervención foi financiada no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.