“A desatención aos parques públicos, outra mostra da desgana e falta de motivación do goberno de Camiña Sarria”

por Redacción Lugo

Os populares advirten de que o parque infantil de Oural ten unha iluminación claramente insuficiente e pídenlle ao goberno local solucionar este problema e atender aos espazos públicos municipais

“A desgana e falta de motivación do goberno de Camiña Sarria tamén se aprecian na desatención na que se atopan os parques públicos infantís coma o de Oural, que na actualidade carece dunha correcta iluminación. Das cinco lámpadas, catro están rotas dende fai meses e, polo tanto, cando escurece non hai visibilidade suficiente”.

Os concelleiros populares advertiron desta situación no pasado pleno, “pero o goberno municipal de Sarria aínda non tomou medidas, demostrando o seu pasotismo”; xa que “nin atende ás cousas que deberían ser máis sinxelas de xestionar”. O Grupo Municipal do PP de Sarria pídelle ao goberno municipal a reposición da iluminación neste parque, así coma a mellora e atención dos espazos públicos municipais e, de forma específico, dos espazos de ocio infantil.

Os populares xa trasladaran tamén no pleno do pasado mes de setembro a petición dos veciños de Belante para a recuperación do parque de Peruscallo, paulatinamente desmantelado, coa colocación dun peche, un columpio e algún mecanismo de exercicio ao aire libre para adultos; pero “o goberno de Claudio Garrido non se preocupou nin de cumprir o acordo nin, o que é peor, de atender esta demanda dos veciños dunha das parroquias do noso municipio”, subliña a voceira, Carmen José López.

En relación aos parques e espazos públicos municipais de lecer, a popular lembra tamén que “o goberno local ten bloqueada a construción do primeiro parque cuberto de Sarria acordado tamén en pleno, xa no pasado mandato, no espazo que ocupan as antigas vivendas dos mestres do Frei Luis de Granada”; porque “non achegaron aínda a documentación que a Xunta requiriu en dúas ocasións para poder desafectar estes ruinosos inmobles para a súa demolición”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario