Rubén Arroxo anunciou que o BNG presentará unha moción ao vindeiro pleno municipal reclamando á Xunta «que se implique na xestión das cercanías ferroviarias de Galiza, do mesmo xeito que outras zonas do estado»
O portavoz do BNG en Lugo, acompañado pola deputada no Parlamento Galego Olalla Rodil e por Efrén Castro, portavoz do BNG e Vicepresidente da Deputación de Lugo, presentou as iniciativas que o BNG defenderá nas distintas institucións «para reclamar á Xunta de Galiza que se implique nas melloras da situación ferroviaria de Galiza e de Lugo».
Arroxo afirmou que «a cidade e a provincia Lugo ten que deixar de estar marxinada en materia de infraestructuras ferroviarias, é preciso poñer a Lugo no mapa e comunicar ás nosas veciñas e veciños».
Unha infraestrutura anticuada e fallos constantes son a realidade ferroviaria actual en Lugo. O BNG defenderá distintas institucións que a Xunta «se implique na xestión das cercanías ferroviarias, do mesmo xeito que fan os gobernos de outras zonas do estado». O BNG propón crear unun ente que promova e xestione o tren de proximidade galego. O obxectivo é enlazar os principais núcleos de poboación arredor das cidades, e conectar entre si as cidades que carecen na actualidade deste servizo, como Lugo e Compostela, «un auténtico servizo público que sexa útil para as galegas e galegos», afirmou Rubén Arroxo.
Para o BNG, Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE en materia ferroviaria, o que se traduce nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos. Arroxo afirmou que a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, «só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela».
Conexións de Lugo co resto do estado
Rubén Arroxo lembrou que Lugo continúa con menos servizos que antes do inicio da pandemia, cando se eliminaron servizos como o tren nocturno de Lugo a Barcelona. «RENFE deixou de vender billetes para a conexión diurna entre Lugo e Barcelona, dado que a conexión necesaria en Monforte sae ás 9:52 da mañá, pero o tren de Lugo a Monforte chega ás 9:54», explicou Rubén Arroxo, que criticou tamén que «é imposible comprar un billete que leve de Lugo a León sen ter que pasar por Madrid, facendo que unha viaxe de 200Km se converta nunha de 800 e varias horas».