O programa da Xunta “Aliméntate ben” recoñecido como boa práctica pola Unesco

por Redacción Galicia

A UNESCO considera a iniciativa galega como potencialmente eficaz para desempeñar funcións clave no autocoidado da saúde mediante a creación e solidez de vínculos entre os distintos profesionais implicados, fomentando o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial

O programa promovido pola Xunta de Galicia nos centros de ensino público “Aliméntate ben” vén de ser recoñecido como Boa Práctica pola Cátedra UNESCO «Saúde e Educación Global», ao considerala como potencialmente eficaz para desempeñar funcións clave no autocoidado da saúde mediante a creación e solidez de vínculos entre os distintos profesionais implicados, fomentando o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.

As consellerías de Sanidade e a de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades colaboran nun programa que fomenta os hábitos saudables entre a comunidade escolar, a través de dietas equilibradas.

Deste xeito, a promoción da saúde nas comunidades escolares e o desenvolvemento de capacidades entre os docentes -para impartir material curricular-, salienta a importancia existente no binomio Saúde-Educación, co obxectivo de fomentar o benestar futuro dos nosos mozos e mozas e reverter as crecentes brechas de equidade en saúde.

“Aliméntate ben” é un programa educativo para a saúde que se imparte en todas as etapas de ensino obrigatorio das aulas públicas de Galicia. Así, abrangue, por unha banda, os programas Nutriescolas 0, 1 e 2, destinados ás etapas de Educación Infantil, Educación Primaria, e Educación Secundaria, respectivamente; e, pola outra, o proxecto Cociñando con saúde, deseñado especificamente para o ciclo de Formación Profesional en restauración colectiva.

A iniciativa responde á necesidade de que os estudantes adquiran e consoliden hábitos alimentarios axeitados nas primeiras etapas da vida e, posteriormente, desenvolvan as habilidades necesarias para a toma de decisións independentes, saudables e responsables con respecto á súa saúde.

Para acadar estes obxectivos, convídaselles a coñecer a contorna alimentaria na que medran, a valorar o seu patrimonio gastronómico tradicional e a analizar a influencia do contexto no que viven (publicidade, oferta alimentaria actual, redes sociais, industria), co fin de desenvolver un comportamento crítico como consumidores responsables.

Con este enfoque, abórdanse igualmente factores que poden influír no feito alimentario como poden ser aspectos socioeconómicos, culturais e/o xeográficos, sendo imprescindible a interdisciplinariedade, a transversalidade, e tamén conxugar a relación  educación-saúde durante todo o proceso educativo.

Desde 2013, a Dirección Xeral de Saúde Pública, con convocatoria anual e voluntaria, puxo en marcha este programa a través do Plan Proxecta de Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Isto conduciu ao recente recoñecemento da iniciativa como Boa Práctica por parte da Cátedra UNESCO «Saúde e Educación Global» (Cátedra UNESCO GHE). 

Para máis información, pódese consultar a descrición en texto completo desta e outras iniciativas similares recoñecidas como Boas Prácticas.

Web de: Boas Prácticas UNESCO

Web da iniciativa

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario