A Deputación da Coruña organizou onte o evento «Coworking Startup Café», que reuniu presencialmente a 25 emprendedores e emprendedoras da provincia, mentres que outros tantos seguiron o evento en streaming, para amosarlles os diferentes recursos que a institución provincial pon á súa disposición e fomentar os contactos e a creación de sinerxías.
O evento enmárcase na Startup Europe Week (#SEW24), un acontecemento impulsado pola Comisión Europea para fortalecer o ecosistema emprendedor no ámbito local. A Deputación decidiu orientar o acto a iniciativas innovadoras e de base tecnolóxica da provincia de diferentes sectores.
Ao comezo da xornada tivo lugar a presentación da Startup Europe Week e da Rede Provincial de Espazos de Traballo a cargo de Juan Diego Pereiro Areán, xestor da asistencia técnica do espazo de coworking do Pazo de Arenaza, fundador do espazo de coworking WeKCo e a plataforma WeKAb.com.
Tras este discurso institucional, tivo lugar a conferencia «Inteligencia Artificial, chips e Galicia» a cargo do Doutor Antonio Hyder, investigador na Universidade de Stanford e director de investigación científica en Hackers & Founders (Palo Alto, EE.UU.) e KG Charles-Harris, CEO de Quarrio IA (Mountain View, EE.UU.).
Ás conferencias e discursos seguiulle a parte máis innovadora do evento: o world café, durante o que as persoas participantes tiveron ocasión de compartir as súas inquedanzas e experiencias con 4 persoas emprendedoras de éxito da provincia, os impulsores das empresas Xoia, Codee, Boldest e Galejobs.
Iniciativas innovadoras impulsadas desde a provincia
A Deputación convidou a catro persoas empresarias da provincia para que presentasen as súas iniciativas empresariais e contasen a súa experiencia creando os seus negocios na provincia, ofrecendo consellos e recomendacións aos participantes neste evento da Startup Europe Week:
– Xosé Manuel Feijoo, fundador de Boldest; empresa que se dedica á transformación dixital multidisciplinaria e áxil.
– María Hermo Rodríguez, CEO e co-fundadora de Galejobs; o infojobs galego, consultora de capital humano na que axudan a deseñar unha estratexia de capital humano que achegue valor de maneira sostible.
– Rosa Vázquez, socia co-fundadora de Codee; plataforma de desenvolvemento de software que proporciona inspección de código automatizada deseñada específicamente para mellorar o rendemento do software
– Xoel Vázquez, CEO de Xoia; empresa de realidade aumentada e virtual
Por último, Roberto Touza cofundador de Startups.st Venture Capital e coorganizador do programa de aceleración de Startups Node Hub, realizou unha achega a ao emprendemento coa ponencia «Da idea ao Éxito: Desbloqueando o potencial a través da aceleración»
A deputada da área de emprego, Rosa Ana García, clausurou a xornada agradecendo a participación de todas as persoas que a fixeron posible, desde asistentes e relatores ata o equipo técnico, e destacou «o grande potencial emprendedor da provincia da Coruña» e o seu compromiso de continuar apoiando, a través do Plan de Emprego Local (PEL), a creación de empresas e a xeración de emprego.
Tras a clausura todas as persoas emprendedoras e empresarias presentes tiveron ocasión de realizar networking e intercambiar opinións nos xardíns do coworking do Pazo de Arenaza.