O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este sábado o panel de luxo que elixiu como integrantes do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da institución provincial, un novo órgano especializado e independente que a entidade decidiu crear “para coñecer e resolver cunha maior axilidade e eficacia os recursos especiais en materia de contratación da Deputación e tamén dos concellos que queiran facer uso deste servizo que poñeremos á súa disposición”.
José Tomé explicou que, como responsable de propoñer aos integrantes do TARCLU, decidiu optar por “profesionais de primeiro nivel, cun perfil eminentemente técnico, cunha longa traxectoria de prestixio, que exercen ou exerceron a práctica xurídica en distintos ámbitos, e que teñen o respecto e o recoñecemento da cidadanía, dentro e fóra da súa profesión, e dentro e fóra da nosa provincia”.
O Presidente avanzou que María Emilia Casas será a Presidenta do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo.
María Emilia Casas foi Presidenta do Tribunal Constitucional, a primeira muller que acadou este posto; e tamén a primeira muller en España que obtivo unha Cátedra de Dereito do Traballo e Seguridade Social. Pioneira, xurista de prestixio, experta en relacións laborais, impulsora da loita contra a discriminación e a favor da igualdade. É Doutora Honoris Causa por diversas universidades, Conselleira Electa do Consello de Estado, e recibiu importantes condecoracións, entre as que destacan o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio ou a Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort. María Emilia Casas é, ademais, licenciada en Filosofía e Letras, o que lle dá ás súas actuacións o perfil humanista e de contacto coa sociedade que as caracteriza.
Egdar Cloos será o vogal do TARCLU. Foi Presidente da Audiencia Provincial de Lugo tras unha longa traxectoria profesional, que arrancou despois de licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo a praza de xuíz por oposición libre en 1986. Iniciou a súa traxectoria profesional en Cataluña, concretamente nos xulgados de Granollers, para logo regresar a Galicia como xuíz con praza en Cambados, onde estivo ata 1999. Foi un dos pioneiros á hora de ditar sentenzas en lingua galega, motivo polo que recibiu unha homenaxe xunto con outros compañeiros no 2018 por parte da Irmandade Xurídica Galega. Xa en Lugo, exerceu primeiro nos xulgados da capital e posteriormente na Audiencia Provincial, onde dirixiu a sección segunda para logo ser o Presidente ata xubilarse, fai un ano.
O secretario do Tribunal será Félix Mondelo. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce a profesión desde o ano 1981, desempeñando durante estes anos a asesoría xurídica de diversas empresas e entidades. En decembro de 2010 resultou elixido Decano do Colexio de Avogados de Lugo, e en xuño de 2017 tomou posesión do seu cargo como Presidente do Consello da Avogacía Galega. No 2022 recibiu a Condecoración de Ouro polos 40 anos de exercicio da profesión por parte do Colexio de Avogados de Lugo. En xaneiro de 2023 contou coa confianza dos letrados da provincia para continuar á fronte do Colexio de Avogados lucense.
“Sen medo a equivocarme, podo dicir que o TARCLU empeza o seu labor nas mellores mans, cun panel de expertos coñecidos e valorados pola sociedade, que garanten a excelencia, o rigor e a independencia no funcionamento e nas resolucións do Tribunal, os obxectivos nos que pensamos cando decidimos crear este novo órgano colexiado, e os obxectivos que, en definitiva, guían sempre a nosa acción política á fronte desta institución”, subliñou o Presidente.
O mandatario provincial elevará a proposta de nomeamento dos membros do Tribunal para a súa aprobación no vindeiro Pleno ordinario da Corporación, que terá lugar o martes 26 de marzo. A partir de aí, constituirase e reunirase en función dos recursos que se presenten en materia contractual, tanto na Deputación, como nos concellos que así o soliciten.
Previsto na Lei e sen novos custes para a Deputación
A creación dun Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de carácter provincial está prevista no apartado 4 do artigo 46 da Lei de Contratos do Sector Público. Polo tanto, “esta é unha potestade da Deputación, coa que, ademais, reforzamos a función esencial desta institución, como é a cooperación cos concellos”, asegurou o Presidente.
O funcionamento do Tribunal non vai supoñer novos custes para a Deputación de Lugo, pois os seus integrantes non cobrarán un soldo. Tan só percibirán unha dieta por cada día que se reúnan para cubrir gastos. Ademais, o persoal de apoio que precisen será da propia Deputación para optimizar recursos.
José Tomé agradeceu a María Emilia Casas, Egdar Cloos e Félix Mondelo que aceptasen a súa proposta para asumir esta nova responsabilidade e conformar o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo. “A súa presenza é determinante para cumprir co obxectivo que nos marcamos cando decidimos crear este órgano especializado e independente, que non é outro que resolver con maior axilidade e eficacia, e con todas as garantías xurídicas, os recursos especiais en materia de contratos”, dos que ata o de agora se ocupaba o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL).
Neste sentido, o mandatario provincial sinalou que, no caso da Deputación de Lugo, “o TACGAL tardou nalgunha ocasión ata catro meses en resolver un recurso, co que iso entorpece o labor da institución”.
Cara unha administración “máis áxil e útil aos veciños e veciñas”
“Gañar axilidade e eficacia nestes procedementos beneficia á propia administración, pero tamén será positivo para as empresas que contratan con entidades públicas e, en definitiva, para os veciños e veciñas que se benefician dos servizos e as obras contratadas”. Polo tanto, incidiu o Presidente, “poñendo en marcha o TARCLU, o que facemos é avanzar cara unha administración provincial máis áxil, máis eficaz, máis transparente e máis útil para os veciños e veciñas, que é polo que traballamos, cada día, dende este Goberno provincial”.
Foto portada: José Tomé y María Emilia Casas