O alcalde da Laracha recibe no concello aos participantes no programa de intercambio entre institutos de Laracha e Les Sables d’Olonne

por Redacción A Coruña

É a primeira parte desta iniciativa na que alumnos laracheses visitarán a localidade francesa no mes de maio

20 de marzo de 2024. O Concello da Laracha está irmandado co municipio francés de Les Sables d’Olonne nunha iniciativa que se marcou como finalidade esencial a realización de programas conxuntos relacionados coa cultura, o deporte, o turismo e o coñecemento dos idiomas que beneficiasen á poboación de ambas localidades.

Grazas ao irmandamento nos últimos anos tamén se potenciou o establecemento de contactos entre entidades, asociacións, clubs e centros de ensino da Laracha e de Les Sables d’Olonne. E froito deles, o IES Agra de Leborís e o Collège Amiral Marveilleux du Vignaux están a levar a cabo unha actividade de intercambio na que participa alumnado e profesorado de ambos centros de ensino.

No día de hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López, recibiron aos rapaces participantes e ao profesorado que organizan a iniciativa. Nesta ocasión son quince os estudantes franceses e dúas mestras os que están a desfrutar dunha estancia dunha semana na Laracha, que rematará o vindeiro domingo.

No mes de maio, do 13 ao 20, serán os rapaces laracheses o os que visitarán Les Sables d´Olonne.

José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción polo xurdimento de iniciativas destas características xa que son “o verdadeiro espírito do irmandamento” e animoumos a todos, franceses e laracheses, a aproveitar esta oportunidade para reforzar a aprendizaxe de idiomas, coñecer outras cultural e territorios e establecer relacións de amizade entre as familias participantes.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario