Da Silva rexistra no Senado unha iniciativa para que as vivendas que están en mans do Goberno sexan transferidas e destinas a vivenda social ou de protección oficial
A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra iniciativas para solicitar ao Goberno do Estado a transferencia de todos os activos que posúe a SAREB á Administración Galega para que, en aras a asumir as competencias propias da Xunta nesta materia, se constitúa unha bolsa de vivenda pública. Da Silva defende a necesidade de facilitar, con iniciativas como esta, o acceso á vivenda a colectivos con maiores dificultades e garantir, polo tanto, o dereito a unha vivenda.
Nun movemento destinado a abordar a crise de prezos e, en especial, a suba desproporcionada dos prezos da vivenda na Galiza, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta iniciativas para que «o Goberno do Estado transfira os activos da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) á Galiza».
A iniciativa, que busca enfrontar o déficit habitacional e promover un acceso xusto á vivenda «sobre todo para facilitar o acceso a colectivos con maiores dificultades», procura que sexan os órganos competentes en materia de vivenda «asuman a xestión, administración e planificación destes activos» porque é «a Xunta de Galiza quen ten as competencias en materia de vivenda e en materia de urbanismo».
A senadora do BNG calcula que a SAREB mantén na Galiza un fondo de entre 3.000 e 4.000 activos divididos entre vivendas, solo e inmóbeis. No concreto, continúa da Silva, máis de 1.200 que «poderían ser habilitadas para vivenda».
A proposta tamén procura abordar a cuestión da especulación inmobiliaria, que exacerbou a crise habitacional na Galiza. «Queremos que, con esta iniciativa, se contribúa a frear a especulación que está a ter o prezo da vivenda. E máis nun territorio, o galego, onde a Xunta de Galiza se está a negar a declarar zonas tensionadas no prezo do aluguer» enfatiza a senadora do BNG.
Vontade política para unha transferencia sen cargas
«Tendo a Xunta de Galiza as competencias, o Estado ten que ter a dispoñibilidade de transferir á Galiza, sen cargas, estas propiedades e que poidan formar parte do parque de vivenda pública galega» subliña. De facto, a senado destaca que esta proposta é «perfectamente asumíbel» porque o Goberno xa asinou Convenios con administracións locais e autonómicas. «Esta é unha cuestión de vontade política: do Estado; para transferilas; e da Xunta, para incrementar o parque público de vivendas» destaca.