Unidas Podemos ve desproporcionado os 3.871 euros ó mes de salario do alcalde de Laxe

por 21 Noticias

No pleno ordinario do Concello de Laxe, o grupo municipal de Unidas Podemos fixo patente o  desacordo coa aprobación do salario do novo alcalde. Fernando Del Moral Regaldie salientou que «se  ben é certo que a política debe estar remunerada, esta tamén debe estar relacionada co grado de  experiencia», e comparou os salarios dos alcaldes e alcaldesas da zona, existindo cargos que xestionan  municipios de máis poboación, con máis experiencia e por contra, salarios inferiores. En palabras de  Regaldie, «se polo menos Laxe estivera ben xestionado, ben pago estaría, pero a realidade é que, ese soldo desproporcionado resta a toda a veciñanza».

Aprobada por unanimidade a moción presentada polo grupo para desenquistar o proxecto de  parque empresarial.

Por outra banda, o grupo municipal presentou unha moción para desbloquear o vello proxecto de parque empresarial en Castrelo, que foi aprobada por unanimidade, cunha emenda do grupo  nacionalista. En palabras de Regaldie «o PP prometeu levalo a cabo no programa de 2019 e de 2023,  e xa vai con cinco anos de retardo, polo que non podía opoñerse». En Unidas Podemos consideran  necesaria esta proposta, debido á perdida de poboación, a merma da actividade económica, o peche de negocios e a orientación a unha economía de servizos de carácter eventual no verán.

No turno de preguntas, Unidas Podemos puxo enriba da mesa a situación do cemiterio municipal, e a  súa ordenanza reguladora, a número 28. Subliñou que, segundo a devandita ordenanza, a dirección  do mesmo corresponde á Alcaldía, preguntando que accións vai tomar para cumprir e facer cumprila ordenanza coa finalidade de manter e conservar o cemiterio nas debidas condicións de salubridade e  seguridade, xa que esta situación prexudica a todos e todas as conveciñas que teñen a intención de  manter o recinto en condicións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario