O portavoz do grupo Socialista apunta que a Xunta “terá que informar” sobre a viabilidade ambiental e económica do proxecto de Altri que defendeu para Palas de Rei
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que “non vamos facer a política que está a facer o PP en Madrid”. Logo da primeira Xunta de Portavoces da XII Lexislatura do Parlamento, o responsable socialista anunciou un papel “firme, pero construtivo e moi propositivo” dos socialistas galegos, afastados da “oposición destrutiva” e “pouco edificante” que están a despregar os de Feijóo no Congreso e o Senado.
Gómez Besteiro sinalou que a firmeza, a contundencia e o ánimo de control marcarán o papel dos socialistas galegos dende a oposición co obxectivo de que a Xunta “eleve o nivel das súas propostas” e co horizonte da blindaxe dos servizos públicos en beneficio de tódolos galegos e galegas.
Salientou a urxencia de que o goberno galego mellore a estratexia económica para que Galicia deixe de quedar rezagada dos bos datos económicos do Estado, cun crecemento máis lento que provoca a perda de oportunidades. Subliñou a “ansia por aumentar a ambición de país” e que Galicia conte cun autogoberno “máis potente”.
Altri
En resposta a preguntas dos xornalistas, Gómez Besteiro subliñou que a Xunta “terá que informar” sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei que eles mesmos defenderon hai preto de dous anos para que a cidadanía dispoña de información certa sobre a súa viabilidade medioambiental e económica. Reclamoulles que xustifiquen a “importancia estratéxica” que lle deron a esta planta e as diferenzas entre as promesas e o proxecto real feito público.
Engadiu que “é o momento das explicacións” deste proxecto e “a desviación do que se dicía inicialmente” para clarificar a súa viabilidade económica e a dependencia do financiamento público dunha planta que “pasou de supor 2.500 empregos a menos de 500”. Reclamou coñecer o impacto medioambiental da que inicialmente ía ser unha fábrica de biofibra téxtil e “agora pasou ter unha porcentaxe relevante de produción de celulosa”.
Gómez Besteiro salientou que a fase de información pública do proxecto é o momento de “recabar información e estudala” para “afrontar unha profunda reflexión” en base á información que manexa o goberno galego, que ten a “responsabilidade competencial” e quen “terá que decidir” sobre o proxecto.