O vindeiro 13 de abril, o Centrad acollerá o obradoiro a cargo da vocalista e pandeireteira Felisa Segade
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e pola deputada provincial responsábel da área de Cultura, Iria Castro, presentaron o obradoiro de iniciación á Tixola que impartirá a Tradescola de xeito gratuíto o vindeiro 13 de abril. Maite Ferreiro afirmou que «con esta iniciativa desde a área de Cultura seguimos a traballar na difusión da música e da cultura tradicional galega, achegando ás veciñas e veciños de Lugo o coñecemento dunha das persoas máis importantes na investigación dos nosos sons».
Maite Ferreiro destacou a importancia da música e da cultura tradicional na programación cultural do Concello de Lugo, e afirmou que é «un dos piares básicos á hora de organizar actividades, xunto coa promoción das agrupacións locais e a difusión de actividades de calidade e recoñecidas a nivel galego, estatal e internacional».
Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido. Trátase dun primeiro achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento.
Un dos obxectivos da Tradescola compartido polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4 e no Centrad, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
Felisa Segade
De formación autodidacta, Felisa Segade leva dende o ano 86 dedicada ao traballo de campo na recollida da nosa música e tradición cultural, co que alimenta tanto os seus traballos musicais como docentes. Desde 1989 é integrante do grupo de baile e música tradicional Brincadeira (Compostela) cofundadora de Leilía (1989) e Tres Pesos(2014), grupos nos que dedica o seu tempo á recopilación, análise, proposta musical e interpretación da música galega de tradición oral nas súas diferentes formas, manifestacións e expresións.
Felisa, como moitas outras mestras e mestres en toda Galicia, imparten aulas arredor da percusión e da tradición oral galega e colaboran en investigacións, traballos de campo e recolleita, tamén propostas musicais, de diferente alcance e dimensión.
Como representante dalgunhas das máis representativas agrupoacións de música tradicional,recibiu numerosos galardóns,entre os que destacan o Premio Agapi 1999 á mellor banda sonora pola curtametraxe A rosa de pedra, o Premio Galicia en feminino 2001 (outorgado pola xunta de Galicia),ou o Premio da Academia das Artes e das Ciencias da Música 2004 á mellor canción en galego por pedras contra tanques.