Estas subvencións teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitivinícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sutentable
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se establecen as bases reguladoras para as achegas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, dotadas cun orzamento de 4.000.000 de euros. Estas axudas teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.
A reconversión do viñedo é unha ferramenta estratéxica para a nosa comunidade. Estas achegas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade e máis demandados no mercado.
Neste sentido, con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas achegas as persoas viticultoras -ou futuras- cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantación de viñedo. A superficie total para as solicitudes que se presenten de forma individual serán de 0,2 hectáreas e de 1 hectárea para aquelas que se presenten de xeito colectivo.
Serán subvencionables as actuacións relacionadas coa replantación con ou sen sistema de condución, a reconversión de viñedos por cambios de variedade, á mellora de técnicas de xestión e a replantación de viñedos. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 26 de abril.
Case 14 millóns de euros en cinco anos
Estas achegas convócanse anualmente dende o ano 2018. No período 2018-2023 destináronse preto de 14 millóns de euros para 911 persoas beneficiarias, permitindo actuar nunha superficie de 1.281,46 hectáreas.
A convocatoria do 2023 resolveuse o mes pasado cun investimento total de catro millóns de euros, que permitiu dar resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos e beneficiar a 179 persoas. Este orzamento empregarase para reconverter 315 hectáreas de viñedo.