O goberno municipal planifica construír unha nova pista preto do Parque Central despois de desmantelar a construída no 2014 cun orzamento perdido de 50.000 euros
Os socialistas arteixáns pedirán explicacións no pleno de marzo sobre o desmantelamento da pista multixogo na contorna do Centro de Saúde na que o concello investiu preto de 50.000 euros no 2014.
A portavoz do grupo municipal socialista, Ana Cedeira, explica que o funcionamento desta zona de lecer para a xente xoven “foi un auténtico desastre”, sen que o goberno local “fose quen de xestionala súa apertura e uso” e hai uns meses o goberno local anunciou que a desmantelaría para instalar outra preto do Parque Central a poucos metros da anterior cun gasto de case 150.000 euros.
“Os socialistas reclamamos saber cales foron os estudos que levou a cabo o goberno local para instalar no 2014 a pista multixogo agora desmantelada e cal foi o motivo do seu peche” continua Cedeira, e demandan saber “quen se vai facer responsable no goberno local das decenas de miles de euros tirados na primeira instalación”.
DESLINDES CON CULLEREDO E A CORUÑA
Por outra banda, unha vez que o Concello de Arteixo aprobou o prego para a contratación do PXOM, os socialistas de Arteixo argumentan que “seguen sen ter novas de que está a facer o goberno municipal para pechar o deslinde cos concellos de Culleredo e A Coruña”
“No Grupo Municipal Socialista vemos como o grupo de goberno fala de planificación estratéxica, algo esencial para o futuro de Arteixo” explica a voceira socialista, “ao tempo que descoñecemos a existencia dos traballos para realizar o deslinde cos concellos limítrofes, indispensables para esa planificación estratéxica da que presume o alcalde“
Cedeira insiste en que 13 anos despois de que o actual alcalde considerase prioritarios eses documentos e de “facer unha campaña electoral para chegar á alcaldía moi ligada á necesidade de que existisen entre o núcleo de Meicende e a cidade herculina” non hai noticias de que o goberno local mantivese comunicación cos concellos veciños “e temos constancia de ámbolos dous concellos están dispostos a sentarse a negocialo”.
Por todo isto, o Grupo Socialista no Concello de Arteixo demanda saber cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade da Coruña.