Ameijide: “PSOE e BNG votan en contra da provincia, da creación de emprego e do asentamento da poboación”

por Redacción Lugo

O voceiro popular considera «preocupante e desconcertante» que fai dous anos votaran a favor da implantación de Altri en Palas e agora cambien de postura; pero máis incomprensible aínda que voten en contra de intentar evitar a marcha do CRAEGA de Monforte onde Tomé é alcalde

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, traslada a súa “preocupación e desconcerto” ante o posicionamento do goberno provincial, PSOE e BNG, en contra da creación de emprego na provincia e de iniciativas que favorezan o asentamento de poboación. “É desconcertante que agora voten que non cando fai dous anos ambas formacións votaban a favor na Deputación de Lugo e no Parlamento de Galicia de iniciativas en apoio á implantación de Altri”, incide.

“E máis incomprensible é aínda que se negue a buscar solucións para evitar o desmantelamento de oficinas na cidade de Monforte de Lemos onde o presidente, José Tomé, é alcalde e que suporá a perda de empregos ou que os traballadores abandonen a zona sur da provincia”, engade.

Ameijide convida a tódolos partidos a “actuar con responsabilidade” en relación á fábrica de biofibras téxtiles que Altri proxecta impulsar en Palas de Rei. De feito, sinala que “PSOE e BNG intentan torpedear un proxecto de economía circular que garante e defende todos os valores ambientais e que pode constituír un revulsivo para a provincia a nivel de emprego e desenvolvemento industrial sen agardar sequera ás valoracións dos técnicos nin aos informes ambientais”. 

De feito, “o proxecto está no trámite de información pública, en período de alegacións, e será sometido a unha tramitación ambiental totalmente garantista na que se analizarán todas as que se presenten”. O popular explica que “ningunha administración permite proxectos que incumpran a normativa e dende o Partido Popular nunca os apoiariamos tampouco”.

Ameijide cre que “este tipo de proxectos plantéxanse poucas veces na vida. Pode ser un proxecto de futuro se o tomamos en serio e, por suposto, se garante os criterios medioambientais”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario