Na Palestina de antes do 1930, este pano era empregado polo campesiñado e beduínos como protección contra o sol e tormentas de area, foi cos procesos de ocupación que se estende o seu uso a toda a poboación e adquire unha dimensión política.
Na Gran revolución palestina do 1936, cando o campesiñado se revela contra a ocupación británica empregaba a kufiya para ocultar os seus rostros e evitar arrestos, pero tamén os delataba cando entraban nas cidades. É por ese motivo que empezaron a empregar este pano tanto nas cidades coma no campo, para que os e as rebeldes puideran camuflarse. Posteriormente, a partir da creación do estado de Israel no 1948, ante as prácticas de limpeza étnica e o desprazamento forzoso de centos de miles de palestinos das súas terras e fogares, a kufiya converteuse nun uniforme contra a ocupación israelí. Un símbolo de resistencia e unidade na loita pola liberación.
O seu deseño tal vez sexa unha rede de pesca, símbolo dunha conexión de Palestina co Mediterráneo hoxe en día restrinxida debido ao sistema de apartheid imposto por Israel; ou un trenzado que evoca os lazos colectivos e o traballo cooperativo da comunidade palestina; ou ben o arame de púas en representación da ocupación continua… Son varias as lecturas que se fan dese deseño do pano, con bordados en negro ou outras cores, pero sempre cun significado común de loita e resistencia.
Fóra do territorio palestino tense estendido o seu uso como símbolo de solidariedade coa súa causa. En palabras da familia Hirbawi, principal produtora das kufiyas: «A kufiya hoxe en día é máis que un simple símbolo do patrimonio palestino. Usar a kufiya converteuse nunha expresión de resistencia e rebelión contra as inxustizas de todo tipo. É unha forma de expresar solidariedade con todos aqueles cuxos dereitos son roubados e cuxas voces son silenciadas. Un pedazo de tea que fala mil palabras».
Nestes días, vestir a kufiya amosa o noso posicionamento claro de apoio á súa resistencia. Por unha Palestina libre!