Convidan ao tripartito local a iniciar de inmediato os traballos de preparación do evento por excelencia do municipio, que na vindeira edición cumprirá medio século de vida.
Pasados uns días da celebración da edición 49 da Festa do Queixo de Arzúa, o Partido Popular arzuán realizou unha reunión na que propón puntos de mellora para o 2025, ano do 50 aniversario.
O PP recomenda adiantar os sempre tardíos traballos de organización da festa, como a promoción e as contratacións, as que non poden esperar ós últimos días.
Outro dos cambios propostos é recuperar o peso e importancia da festa como evento gastronómico. Para o voceiro popular, Rafael Rivadulla, “o queixo ten que volver ser protagonista, dende hai anos o concelleiro de Cultura, José Luís García, relegou a súa importancia en favor do festival musical, no que se invisten tres cuartas partes do orzamento”, ó que engade que “a música é un complemento fundamental, pero a promoción do queixo como produto insigne de Arzúa ben merece algo pouco máis de coidado e promoción”.
Dende o PP se propón tamén unha orientación cara a un público máis diverso, que xere máis asistencia ó recinto feiral e que aporte un maior beneficio á economía local.
Un cambio obrigatorio para o PP é a eliminación do peche perimetral da zona de concertos, así coma o control de acceso, algo que está a crear unha imaxe negativa da festa. A alternativa dunha pantalla na praza para acoller o público que non puido entrar nos concertos non xurdiu efecto e tan so chegou a xuntar unha vintena de persoas, pois a gran maioría preferiu escoitar no exterior do recinto, facendo cola.
O comunicado da alcaldía, do BNG, o día anterior á realización dos concertos, deu a entender que a decisión de poñer aforo foi da concellería de cultura, de AxA. Para Rivadulla, “o alcalde pretendeu lavar as mans, pero no tripartito BNG-AxA-PSOE son todos culpables e responsables”.
Igualmente propoñemos a volta do pregón ó domingo, para unha asistencia maior, e unha maior duración en días do concurso de petiscos, que permitiría máis participación da hostalería e do público, ou un pago polo mesmo, así como un sistema público de selección do gañador.
Finalmente, a selección do cartel debería reconsiderarse os efectos positivos da publicidade do formato concurso sobre a simple contratación, e a designación dos arzuáns do ano, aínda que sempre foi acertada, podería enriquecerse coas aportacións da veciñanza.