UGT Galicia: “A reforma laboral: dous anos cumprindo obxectivos”

por Redacción Galicia

O peso dos contratos indefinidos sobre o total subiu en 20,5 puntos e a temporalidade segue en mínimos históricos. Aínda así, Galicia segue a rexistrar datos por debaixo do resto do Estado, onde a contratación indefinida é xa do 44,9% e triplica o peso dos contratos indefinidos dende a entrada en vigor da reforma

Os datos de paro rexistrado correspondentes ao mes de marzo, publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE), mostran un descenso de 1.572 persoas respecto a febreiro, contabilizando un total de 129.011, 12.836 persoas menos que o ano anterior, tratándose do dato máis baixo para un mes de marzo desde 1996. Pola súa banda, a afiliación á Seguridade Social aumenta este mes en 6.577 persoas e alcanza un total de 1.061.595 persoas afiliadas, 18.064 persoas máis que o ano pasado. 

A potenciación do contrato indefinido fronte ao temporal que impulsou a reforma laboral de 2021 deu como resultado un incremento do emprego estable que continúa manténdose dous anos despois: o peso dos contratos indefinidos sobre o total multiplicouse por 2,3, pasando dun 14,87% en marzo de 2021 ao 35,35% este mes. En marzo rexistráronse un total de 49.938 contratos, dos que 17.658 son indefinidos. Ademais, a modalidade máis estable de contratación, a fixa a tempo completo, ascende ao 18,2% do total de contratos (dato de febrerio porque o de marzo aínda non foi facilitado), unha porcentaxe que antes da reforma tan só era do 3,6%.

Con respecto á contratación, o peso dos temporais redúcese en 20,5 puntos nestes dous últimos anos, pasando do 85,1% en marzo de 2021 ao 64,4% neste último mes. Na EPA, o último dato, do cuarto trimestre de 2023, situaba o emprego temporal no 16,2%, o que supón 8,1 puntos menos que no mesmo período de 2021, sendo aínda menor no sector privado, o 12% (10,9 puntos menos).

De maneira que, tras dous anos de vixencia, a reforma laboral está a cumprir eficazmente co obxectivo fundamental para o que foi deseñada: reducir a excesiva temporalidade a través da creación de emprego de calidade. Ademais, tal e como certificou a Contabilidade Nacional Trimestral a semana pasada, a fortaleza mostrada polo mercado de traballo está a servir para apontoar o crecemento da economía, permitindo, xunto á moderación da inflación e as subidas salariais motivadas polo AENC, que a economía española creza a un ritmo cinco veces superior ao da Eurozona, grazas, sobre todo, ao impulso do consumo dos fogares.

Aspectos pendentes

Con todo, persisten desequilibrios no funcionamento do mercado laboral que é preciso corrixir. Un exemplo é a temporalidade do emprego público, que continúa en valores moi elevados, do 31,24% no cuarto trimestre de 2023, e que apenas se reduciu desde a reforma laboral (só 2,1 puntos). Un problema que as administracións públicas implicadas deben resolver canto antes, de forma que se acabe co abuso derivado da utilización sucesiva de contratos temporais no sector público, tal e como resolveu recentemente o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. 

Outro aspecto pendente é a modificación das causas e o custo do despedimento, para que se garanta o dereito das persoas traballadoras a recibir unha indemnización adecuada, con carácter disuasorio e resarcitorio, como recolle a Carta Social Europea. Un asunto que UGT denunciou ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, que xa se pronunciou respecto diso, pero cuxa resolución non se pode desvelar ata que o Executivo non o autorice. Por tanto, o Sindicato insta ao Goberno a que actúe con transparencia e responsabilidade, facendo pública canto antes a resolución do organismo.

En definitiva, aínda que a reforma laboral estea a ser realmente efectiva dentro do seu campo de actuación, son necesarias actuacións complementarias que apoien o seu gran potencial transformador, consolidando a mellora real das condicións laborais das persoas traballadoras e favorecendo o crecemento da produtividade, para que a economía española continúe sendo a referente do dinamismo da Eurozona no longo prazo.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 1.572 persoas con respecto ao mes anterior (1,20%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 1,21%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 12.836 persoas, un 9,05% menos. No caso do Estado a baixada anual non foi tan forte, do 4,73%. Así, o número total de desempregados sitúase en 129.011 persoas, mínimo histórico nun mes de marzo en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego subiu nun 0,45%, unha tendencia contraria ao resto de idades, e no ano a diminución foi dun 12,02%.

Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 0,54% e no caso das mulleres nun 1,69%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 7,13% entre os homes e o 10,41% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 57,63% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 74.352 mulleres, fronte a 54.659 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos, salvo no colectivo de sen emprego anterior, no que sube nun 0,84% no mes. Pola contra, baixa un 0,44% na industria; un 1,62% nos servizos; un 1,60% na agricultura e gandería; e un 0,39% na construción. No ano baixa en todos. Así, baixa un 9,98% no primario; o 11,99% na industria; o 11,09% na construción; o 8,79% no sector servizos; e o 5,74% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 35,36%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 44,9%. Realizáronse en marzo un total de 49.938 contratos en Galicia, menos que no ano anterior pero de moita máis calidade.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 75%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 34,3%; na industria, do 23,9%; e no primario, do 61,4%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 74,61%, con 88.861 persoas beneficiarias. Deste total, 41.992 perciben subsidios e 4.209 a Renda Activa de Inserción, dato que mellorou con respecto aos meses precedentes porque, de novo, volve a haber un maior número de prestacións contributivas, 42.660. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.061.595 de media mensual, aumentando un 0,62% no mes e un 1,73% no ano.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario