No medio da campaña de presentación da súa candidatura ás Eleccións Europeas, Nuria Suárez, portavoz de Recortes Cero, sinalou nun encontro con representantes da organización en varias autonomías, que “todo o que sabemos ata o de agora das investigacións en torno ao ex presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, apunta á posibilidade dunha auténtica trama mafiosa e o traballo de xuíces e policía debería orientarse dese xeito”.
Recortes Cero defende no seu programa a reforma do Código penal para que a corrupción política e ligada a organismos públicos sexa tratada, tanto na orientación das investigacións como nas penas de cárcere, como as tramas mafiosas, “nas que a investigación non conclúe ata que se identificou e detido ao mafioso, é dicir, ao último responsable da trama”. Nesta reforma, Recortes Cero inclúe a devolución das cantidades íntegras do diñeiro roubado, con distintos mecanismos que o aseguren “seguindo a pista tanto do diñeiro como das responsabilidades directas ou subsidiarias”.
Nas últimas semanas os casos de corrupción sucédense. Desde o caso Koldo, o de González Amador (parella da presidenta Ayuso) ou agora o de Rubiales. “Ao que hai que engadir tantas outras investigacións en marcha, e movementos que producen inquietude, como a reunión de Alfonso Serrano, secretario xeral do PP de Madrid coa parella da presidenta da Comunidad de Madrid”, engadiu Nuria Suárez no encontro.
Xunto a dez portavoces de Recortes Cero (de Galicia, Asturias, Euskadi, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Canarias, Andalucía e Madrid), Nuria Suárez debateu sobre o contido do programa que a formación vai defender nas Eleccións Europeas, e concluíu que o tratamento da corrupción “converteuse nun tema de primeira orde”. Segundo Nuria Suárez, “xunto co malgasto, a corrupción converteuse nun sumidoiro de recursos públicos que poderían utilizarse para conter os efectos que o incremento dos beneficios da banca está a ter sobre os petos da maioría”.
Para a portavoz de Recortes Cero, “a parte da subida de impostos focalizada en bancos e monopolios, o equivalente a un 15% dos orzamentos da administración poderían recuperarse se reformásemos o Código penal e fixésemos algún cambio máis en Facenda”.
Nuria Suárez pechou o acto sinalando que “Rubiales non é un empresario descoñecido, senón que ten un papel social e político de primeira magnitude, e que todo isto pase ‘á luz do día’ indica que non debemos conformarnos coa punta do iceberg, porque hai moito en xogo”.