A Domus acolle este sábado os premios Imaxina

por Redacción A Coruña

A iniciativa do Goberno de Inés Rey busca difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de educación secundaria

A Domus acollerá este sábado, 13 de abril, a final da terceira edición do programa Imaxina Coruña. A xornada desenvolverase das 10.00 ás 15.30 horas, tempo no que se levará a cabo a exposición dos proxectos por parte do alumnado participante, a entrega de premios posterior, o espectáculo científico a cargo de David Ballesteros e un xantar con todas as persoas participantes.

O Goberno de Inés Rey organiza este programa co obxectivo de difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de educación secundaria obrigatoria da cidade. Con motivo desta celebración, a Domus acollerá durante o sábado unha xornada de portas abertas.

Na actividade participan 71 estudantes e 16 profesores/as de dez centros educativos, que presentaron un total de 20 proxectos para optar aos premios establecidos en tres diferentes categorías: Sustentabilidade, Innovación e Compromiso social.

Nesta terceira edición do concurso, a temática é ‘Arte, ciencia e tecnoloxía’, aspectos sobre os que tiveron que versar os proxectos desenvolvidos polo alumnado baixo a supervisión do profesorado. Os traballos presentados serán avaliados por un xurado e os gañadores recibirán unha invitación para participar ou visitar a feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao (incluíndo gastos de desprazamento e aloxamento para os equipos gañadores e o persoal docente, para un máximo de 5 persoas/grupo, incluído o/a docente). Tamén se lle outorga un premio ao centro, consistente nun cheque regalo por importe de 500 euros, que deberá destinarse á adquisición de material científico e tecnolóxico para a aula participante no concurso. Ademais, concederáselle un premio ao grupo que presente o considerado mediante votación popular como o mellor vídeo-relato do seu proxecto, que será publicado en YouTube. A votación popular realízase os tres días anteriores á celebración do certame.

O programa iniciouse en outubro cunha xornada temática sobre ciencia e coa posterior titorización do persoal dos Museos Científicos Coruñeses para a elaboración dos traballos. As persoas participantes tiveron que presentar unha memoria e un xurado encargouse de seleccionar os proxectos finalistas que serán expostos este sábado polo propio alumnado.

O xurado está constituído polas seguintes persoas:

  • Aroa Pose, directora da Feira de ciencia Open Science Cambre.
  • Alba Meijide, directora de proxectos en Intelixencia Artificial, Mundos Dixitais
  • Irene Brage, coordinadora do proxecto Talentos Inclusivos do CITIC, UDC.
  • Ana Judel Prieto, técnica de Educación do Concello da Coruña

Imaxina Coruña pretende fomentar actitudes positivas da ciencia e a tecnoloxía, dando respostas, mediante a experimentación, ás cuestións que promovan un planeta sostible, así como favorecer e mellorar o desenvolvemento de valores educativos como a creatividade, traballo en equipo, solidariedade e autonomía. Desta maneira, búscase impulsar e fomentar iniciativas entre o alumnado, ademais de apoiar e incentivar o persoal docente dos centros educativos na súa tarefa de formación. Á vez, dáse visibilidade a iniciativas innovadoras que desenvolva o alumnado e incentívase a participación do estudantado no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario