Os edís explicaron o funcionamento do Concello e contestaron ás preguntas e suxerencias da mocidade
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, recibiron a un grupo de estudantes do Colexio Franciscanos de Lugo. Durante a visita, os concelleiros explicaron o funcionamento da Administración e o papel da veciñanza nela, e amosaron as distintas instalacións da Casa Consistorial, na praza Maior, como o Salón de Plenos ou os conxuntos escultóricos adquiridos polo Concello e expostos permanentemente na sede municipal.
Temas como a mobilidade, as festas ou a programación cultural da cidade foron os protagonistas das dúbidas achegadas polas nenas e nenos que realizaron a visita. Penas manifestou a súa satisfacción por recibir esta visita no Concello, e animou aos centros educativos de Lugo a programar máis visitas á Casa Consistorial.
Unha vez situados no Salón de Plenos, as e os estudantes organizáronse en diversos grupos e simularon un pequeno Pleno onde realizaron propostas como a creación dun acuario para especies de río, un parque acuático cuberto ou un servizo de axuda para persoas con baixos recursos, ademais de debater ante a difícil decisión de escoller de que materia escolar prescindir. Ao rematar, as e os escolares tamén puideron saír ao balcón da Casa Consistorial para ollar a cidade de Lugo dende as alturas.