A Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña, sede do seminario internacional de ENPHE, a Rede Europea de Fisioterapia no Ensino Superior
O tema xeral do seminario é «A educación en fisioterapia: cara a excelencia a través da colaboración», e como tal, os respectivos poñentes principais, actividades e talleres foron coidadosamente seleccionados para axudar a cultivar esta excelencia. Este seminario suporá unha gran oportunidade para establecer contactos e compartir pensamentos, ideas e experiencias sobre este tema.
O evento vai dirixido tanto aos educadores como ao estudantado, membros e non membros de ENPHE, que queiran participar e contribuír ao fortalecemento da cooperación entre as Institucións Europeas de Educación Superior no campo da Fisioterapia.
A xornada do día 11 terá contará paralelamente cunha programación para o estudantado e outra de xestión, en horario de 9:00 a 17:00 horas, e ás 18:00 horas está prevista unha recepción conxunta para todos os participantes.
Xa o día 12, ás 9:00 horas, terá lugar a apertura do seminario, que contará coa asistencia do reitor da Unversidade da Coruña, Ricardo Cao, e contará coa docente do Departamento de Fisioterapia, Medicina y Ciencias Biomédicas, Sonia Souto Camba, que será a encargada de ofrecer o discurso de apertura do evento.
A xornada desenvolverase en torno a diferentes grupos de traballo en materia de educación sobre a dor en fisioterapia, o aprendizaxe baseado na práctica, fisioterapia ambiental, internacionalización, temas emerxentes en educación e IA, aprendizaxe interprofesional, problemas profesionais e investigación.
O día 13 de abril, a xornada iniciará dando continuidade aos grupos de traballo, e proseguirá con diversos relatorios durante toda a mañá. Xa á tarde, terán lugar as presentacións dos diversos grupos de traballo, a asemblea xeral e o anuncio da conferencia 2024.
ENPHE
A European Network of Physiotherapy in Higher Education (ENPHE), ou Rede Europea de Fisioterapia no Ensino Superior, é un conector para as partes interesadas no ensino superior da fisioterapia, aliñando os programas educativos e impulsando novos desenvolvementos en Europa.
Foi fundada pola Hogeschool Utrecht (Países Baixos), a Universidade de Islandia, Universidade de Ciencias Aplicadas de Zagreb (Croacia), Escola Superior de Saúde do Alcoitão (Portugal), Instituto Politécnico do Porto (Portugal) e a Escola de Santa Maria Saúde (Portugal). Inicialmente funcionou como unha rede rexional e non formal de institucións de educación superior. En 2021, ENPHE converteuse nunha organización oficial e formal sen fins de lucro con sede en Portugal, e actualmente está composta por 156 institucións de 31 países.