O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de presentar alegacións ao regulamento da escola infantil para que esta normativa “sexa máis completa e adaptada á realidade na que vivimos”.
A voceira popular de Monforte, Katy Varela, explica que “vemos necesario” esta adaptación do regulamento polo que “tras manter contactos cos diferentes axentes implicados acordamos unha serie de alegacións”.
As alegacións que se presentan dende o PP de Monforte son:
1. Que non figure no Regulamento a dependencia orgánica e funcional da Escola tal e como se regula nos artigos 5 e 6, pois é claro que depende do Concello pero será segundo a conformación de cada goberno de turno a dependencia funcional do mesmo.
No artigo seis, a forma de xestión debe contemplarse de xeito máis amplo, pois aínda que a día de hoxe está externalizada, debe considerarse a opción de que poida ser exercida directamente polo concello.
2. En relación co artigo 7, no que se establece a Comisión da Escola, parécenos que existen demasiados integrantes do equipo de goberno. Coa existencia dun sería suficiente. Tamén sería importante ter en conta algún representante das familias, como sucede nos consellos escolares.
3. O artigo 31, en relación coa Axenda Diaria, debería mencionarse a importancia de que sexa telemática e gratuíta.
4. No artigo 38, fálase de “deficiencia física”. Sería axeitado adaptalo á nova linguaxe e substituílo por discapacidade.
5. No artigo 29, debería incluírse o fomento do plurilinguismo a través de actividades vencelladas a outras linguas como o inglés, a maiores do galego e o castelán.
6. Na disposición adicional única, onde se establece a normativa de aplicación, é necesario incluír toda a lexislación relativa a protección de datos.