A Coruña, Zas, Sada, Negreira, Oroso, Cedeira e Ribeira acollen a II edición da Copa Deputación de Balonmán na Rúa

por Redacción Deportes

O balonmán volverá a estar presente nas rúas de sete concellos da provincia da man da segunda edición da Copa 5×5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida

A primeira edición desta competición tivo un éxito rotundo, coa participación de máis de 1.600 deportistas e cunha ampla presenza feminina, que superou o 60 %. Ademais, os actuais clubs de balonmán de Cerceda e Ribeira son froito desta Copa.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou o carácter innovador desta proposta, que «pretende achegar o balonmán a todos os públicos na rúa». «Con este formato seguro que moitos nenos e nenas se animan a probar este deporte, incrementando a canteira de moitos equipos da provincia e creando outros novos, como os de Cerceda e Ribeira».

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou «o gran papel que desenvolve a Federación Galega de Balonmán e a súa aposta de chegar a máis concellos nos que aínda non hai escolas ou clubs estables mediante iniciativas como esta, dando a coñecer este deporte a un público que non tivo ou non ten un acceso tan fácil ao mesmo».

Pola súa banda, Bruno López, agradeceu a aposta da Deputación da Coruña por este proxecto «ambicioso e importante, que nos facilita chegar a moitas das familias da provincia, que grazas a isto poden descubrir o balonmán e todo o que o rodea».

A primeira proba celébrase esta fin de semana na Coruña

A primeira das probas terá lugar desde deste mesmo mércores, 10 de abril, ata o domingo día 14 no Paseo do Parrote da Coruña. Os outros 6 municipios que acollerán esta competición serán os de Zas (26 – 28 de abril), Sada (3 – 5 de maio), Negreira (10 – 12 de maio), Oroso (31 de maio – 2 de xuño), Cedeira (14 – 16 de xuño) e Ribeira (20 – 22 de xuño).

Nos lugares seleccionados disporase unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.

Ademais, ao mesmo tempo, retransmitirase a competición por streaming a través da canle de Youtube da FGBm na xornada final do domingo, día no que se disputan as semifinais e finais de ambas categorías. Ao remate terá lugar a entrega de medallas e trofeos e, por último, aproveitarase o directo para facer entrevistas aos protagonistas do evento.

A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas serán protagonistas.

Os equipos participantes deberán ter un mínimo de 5 integrantes, ademais dun/ha responsable (de máis de 16 anos). Todas e todos os participantes recibirán un equipamento conmemorativo e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos os integrantes do equipo.

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seu propio centro escolar ou ben na seguinte ligazón.

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdkqz-lvLXnYwpEDKEZEIaWUbmPJqcCmkA2kdksbCxea_MmIQ/viewform?pli=1
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario