A presidente provincial do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, amosábase orgullosa e moi feliz de que dous lucenses como Alfonso Villares e María José Gómez formen parte do goberno de Alfonso Rueda con responsabilidades tan importantes como MAR e MEDIO RURAL.
Estas dúas consellerías tratan temas que son a esencia de Lugo, e que supoñen dúas das prioridades do novo goberno da Xunta de Galicia, que acabamos de coñecer.
Alfonso e María son dúas persoas que veñen do municipalismo e que teñen en común co Presidente da Xunta a experiencia en xestión, o seu coñecemento do territorio e unha gran capacidade de traballo.
Agora a traballar DENDE XA, durante os próximos catro anos, por Lugo e por Galicia.
Conselleira do Medio Rural: María José Gómez Rodríguez
Naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo) en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés.
Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.
Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.
Conselleiro do Mar: Alfonso Villares Bermúdez
Naceu en Cervo en 1970. É licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario.
Desde 1995 é concelleiro do PPdeG en Cervo, con responsabilidades de goberno desde 1999 e como alcalde desde as eleccións municipais de 2007, cando obtivo unha maioría absoluta que revalidou nas eleccións municipais de 2011, 2015, 2019 e 2023.
Tamén foi vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde 2023 é conselleiro do Mar.