FEGADACE presenta a Rede de Cidadanía Activa de persoas con dano cerebral adquirido

por Redacción Galicia

O grupo creouse para promover a autodeterminación e favorecer o exercicio de dereitos e a participación social

A Rede de Cidadanía Activa de persoas con dano cerebral adquirido é un grupo de traballo composto por persoas con esta discapacidade que pretenden potenciar a súa participación social e fomentar a súa autodeterminación para defenderen os seus dereitos. Queren que se escoiten, valoren e respecten as súas opinións sen mediación, e reivindicaren elas mesmas os seus dereitos.

A Rede nútrese de persoas representantes das asociacións de FEGADACE que xa levan semanas traballando e que este mércores van verse as caras no que será o Primeiro Encontro presencial da Rede de Cidadanía Activa. A xuntanza ten dous obxectivos sinxelos e concretos: a presentación oficial da Rede, e a aprobación da súa normativa de funcionamento, así como a definición das próximas accións a desenvolver.

Encontro en Santiago

O mércores 17 de abril vai ter lugar o Primeiro Encontro presencial da Rede de Cidadanía Activa de persoas con dano cerebral adquirido. Procedentes da Coruña (ADACECO), Lugo (ADACE Lugo), Compostela (Sarela) e Vigo (Alento), están citadas desde as once da mañá na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) de Santiago.

A partir das 11:30, ademais de presentarse, lerán, debaterán e aprobarán as normas de funcionamento que sentan as bases da Rede, e coas que van continuar traballando conxuntamente en iniciativas compartidas de participación social. As normas baséanse no respecto polas opinións das persoas con dano cerebral e na aceptación das decisións de grupo.

Ademais do grupo de persoas con dano cerebral adquirido, estarán no encontro, como facilitadoras, a educadora social e a traballadora social de FEGADACE, así como profesionais técnicas das asociacións federadas.

Unha rede para participar na sociedade

O dano cerebral é unha lesión repentina no cerebro que pode ter como consecuencia unha gran variedade de secuelas (motoras, sensoriais, orgánicas, cognitivas, emocionais, condutuais) provocando unha situación de discapacidade para a persoa. Xa que a sociedade na que vivimos está caracterizada pola falta de accesibilidade e inclusión social, as persoas con DCA atópanse con significativas barreiras para desenvolver as súas vidas dunha forma plena e participativa na comunidade. Así, en ocasións trátase con demasiado paternalismo ás persoas con dano cerebral, o que fai diminuír a súa autonomía.

Os obxectivos da rede son múltiples, aínda que camiñan na mesma e única dirección: garantir a súa autodeterminación sen incidencia de terceiras persoas e favorecer a participación social do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido. A participación en contextos comunitarios é unha parte fundamental da vida das persoas: implica o traballo, o lecer, o deporte, o goce da cultura… Aspectos que en moitas ocasións as persoas con discapacidade viven de maneira segregada ou nos que experimentan múltiples barreiras.

Máis polo miúdo, a Rede quere favorecer a autodeterminación individual e colectiva das súas persoas participantes, promover o seu activismo político e social, así como a participación en todos os ámbitos da sociedade, facilitar a influencia das persoas con dano cerebral na súa contorna -que sexan escoitadas-, incentivar e apoiar a loita pola garantía dos dereitos do colectivo e impulsar a incidencia política das persoas con DCA e establecer canles de comunicación con diferentes actores sociais.

Presentación pública da Rede

Os membros da Rede xa gozaron de experiencias nas que exerceron a súa toma da palabra, posicionamento e defensa dos seus dereitos. Un caso foi a súa exposición das barreiras que se atopan para o goce do lecer durante a presentación da campaña ‘Ocio inclusivo e accesible’ perante diferentes axentes culturais na feira Culturgal.

Esta iniciativa tamén forman parte das liñas de traballo de vida independente do Proxecto Rumbo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario