Os galardóns serán entregados por José Ramón Gómez Besteiro nun acto que se desenvolverá o próximo sábado en Santiago de Compostela
O xurado dos V Premios de Igualdade Maruja Vázquez, que promove o PSdeG-PSOE, distinguirá na súa edición deste ano ás futbolistas Vero Boquete e Paula Dapena. O premio recoñece a traxectoria e o compromiso social pola igualdade das galardoadas nun acto que terá lugar o vindeiro sábado en Santiago de Compostela.
José Ramón Gómez Besteiro será o encargado de facer a entrega dos galardóns no transcurso deste acto no que tamén intervirá a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, como presidenta do xurado integrado por doce mulleres que escolleron ás premiadas este ano coas que as socialistas poñen o foco no mundo do fútbol.
As e os socialistas queren salientar o papel das dúas futbolistas galegas e a súa traxectoria persoal e profesional na defensa do feminismo e os valores do deporte. Subliñan así o papel de Boquete como pioneira nun deporte que ata a chegada das deportistas da súa xeración era considerado como netamente masculino, e a traxectoria deportiva e o activismo feminista de Dapena.
Os premios de Igualdade do PSdeG foron creados no ano 2015 co obxectivo de recoñecer o traballo feito, tanto por persoas individuais como por colectivos, en favor da igualdade entre mulleres e homes ou que permitan visibilizar as discriminacións por razón de sexo. Logo dun período de suspensión, a celebración destas distincións retomouse en 2022 para chegar este ano á súa quinta edición.
Os galardóns de igualdade levan o nome de Maruja Vázquez Suárez (Santiago de Compostela, 1894 – Miño, 1936), mestra republicana e socialista asasinada polos franquistas ao inicio da Guerra Civil. Este pretende ser tamén un exercicio de recuperación da memoria dunha identidade clave no activismo feminista, que a ditadura franquista intentou borrar.