A homenaxe terá lugar o día 27 de abril, ás 11:30, coa lectura por parte de Henrique del Rio, autor do manifesto, O valor de gañarmos o futuro, elaborado para esta efeméride. A continuación guiará o roteiro que sairá do monumento aos » Mártires da Liberdade», erixido pola Liga Galega da Coruña en 1904, para continuar até a Capela do Socorro que serviu de cárcere improvisada para Miguel Solís e os seus homes. De seguido achegarémonos o lugar onde foron «xulgados», para despois irmos até a Fraga do Rei, onde foron fusilados, para rematar no cemiterio da igrexa de Paleo, onde están soterrados.
Mediante este acto, VIA GALEGA, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, quere lembrar, no 178 aniversario da Revolución Galega de 1846, un dos acontecementos máis relevantes da nosa historia. Foi unha revolta contra o goberno conservador de Narváez e un modelo de estado centralista e na defensa dun trato xunto para Galiza. O pronunciamento militar e civil prendeu a partir do 2 de abril de 1846 en diferentes cidades galegas. O 15 de abril constitúese a Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en goberno do país durante uns días, que pretendía recobrar a unidade territorial de Galiza e aspiraba a que que Galiza, » convertida nunha verdadeira colonia da corte», tivese un papel diferente no estado, ao tempo que se procuraba un modelo social e político mais xusto coas clases populares. Aínda que se impuxo a represión e os combatentes revolucionarios foron derrotados, esta revolución -que rematou co fusilamento o 26 de abril en Carral de 11 oficiais e o exilio de, entre outros, de Antolín Faraldo -quedou gravada na memoria colectiva e as súas denuncias e propostas, foron percusoras do nacionalismo .
Vía Galega no seu afán de recobrar a nosa historia, fai un chamamento a participar na homenaxe aos Mártires de Carral, pois tal como reza o manifesto deste ano, «Non quixemos ser colonia da Corte daquelas e non queremos ser colonia hoxe, non nos resignamos a ser enclave onde plantar, como estandarte de conquista, macroeólicos e macrocelulosas».
Achegamos o manifesto, percorrido do roteiro e o enlace para poder visualizar o video “A revolución de 1846 e os Mártires da Liberdade”.