A contorna do Estadio de Riazor encheuse de milleiros de peñistas e persoas afecionadas para celebrar o Día de Peñas do Dépor, organizado pola Federación de Peñas Deportivistas da Coruña en colaboración co Concello. A alcaldesa, Inés Rey, sumouse á celebración xunto co concelleiro de Área Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro; o concelleiro de Deportes, Manolo Vázquez; e a directiva da Federación de Peñas.
Rey asinou o pasado mandato un convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Peñas para a cesión dun local no Palacio dos Deportes de Riazor, demandado da Federación de Peñas desde hai máis de unha década ao carecer dun espazo específico para recibir ás peñas visitantes e desenvolvemento das súas actividades.
Este ano, o Día das Peñas Deportivistas celébrase dende as 13.00 horas coa actuación de varias bandas locais como Trapallada, Juego Sucio, The Muppets, La Piel del Oso o Bastards on Parade, xunto con pulpeiras e churrasco e diversos food trucks. A xornada estenderase ate o domingo con motivo do partido entre o Dépor ABANCA – Cacereño en Riazor, decisivo ante o posible ascenso do equipo feminino.
Ademais, os milleiros de peñistas e afecionados poderán colaborar coa recollida solidaria organizada pola Cociña Económica, participando no sorteo de entradas da zona VIP de Riazor para os encontros do equipo masculino e feminino.
BANDO MUNICIPAL EN APOIO AO DEPORTE DA CORUÑA
A alcaldesa, Inés Rey, asinou no día de onte, 19 de abril, un Bando Municipal en apoio ao deporte da Coruña, convidando a toda a cidade a animar aos clubs coruñeses. “Nos próximos días, comezando xa por esta fin de semana, temos a ocasión de volver demostrar o apego que a Coruña sente pola súa identidade, polos seus símbolos” sinala a alcaldesa no texto.
Diversos clubs da Coruña terán nas vindeiras semanas importantes competicións, decisivas para o futuro dos equipos. Entre eles o Real Club Deportivo e o Real Club Deportivo ABANCA, o Básquet Coruña ou o Liceo Hockey Club. Tamén o CRAT, OAR, Maristas, Viaxes Amarelle, C.V. Zalaeta e Dominicos así como diferentes deportistas individuais que participarán nos Xogos Olímpicos de París. “Como alcaldesa fago un chamamento a todos os coruñeses e coruñesas para que, de novo, manifesten o seu amor á cidade e a Galicia” sinala.
O bando está en vigor dende onte e ate o vindeiro 30 de xuño ás 00.00 horas