A Biblioteca Municipal inicia as actividades de Animación á Lectura e Contacontos, que se estenderán do 23 de abril ao 13 de xuño
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron dende a Biblioteca Municipal Isidro Novo as actividades organizadas dende o Concello de Lugo con motivo da celebración do Día do Libro neste ano 2024.
Durante a xornada de mañá, día 23 de abril, a concellería de Cultura repartirá libros en todas as salas museísticas da cidade de Lugo, co fin de promover o hábito da lectura «algo que é esencial para o desenvolvemento intelectual e social das persoas e que fomenta o pensamento crítico e enriquece o vocabulario», explica Maite Ferreiro.
Ademais, ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a presentación da obra da persoa gañadora do XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. Maite Ferreiro destacou este certame como «unha cita consolidada xa no calendario cultural galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade».
A Biblioteca Municipal celebrará o Día do Libro iniciando as actividades de Animación á Lectura e Contacontos co Escape Room «Plan de Rescate» de Antía Yáñez. Está baseado nun libro da propia autora e consiste en escapar da biblioteca, polo que a rapazada terá que seguir as pistas e rescatar aos compañeiros e compañeiras que fiquen atrás en tan só unha hora.
A actividade comeza ás 18.00 horas e terá unha duración de 70 minutos. Está aberta para nenas e nenos a partir de 7 anos, con inscrición na propia Biblioteca ou no teléfono 982 297 414.
As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.
O novo ciclo terá lugar entre o 23 de abril e o 13 de xuño, e achegará a Lugo a nomes recoñecidos como Antía Yáñez, Paula Carballeira, Pakolas ou Caxoto, que cumpre 20 anos percorrendo bibliotecas e escenarios de toda Galiza. As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.
Programación abril – xuño 2024
23 de abril, 18:00, Biblioteca Municipal
Antía Yáñez – Escape Room «Plan de Rescate» (70 minutos, a partir de 7 anos)
Inscrición na biblioteca ou no teléfono 982 297 414
Celebramos o Día do Libro cun escape room baseado no libro «Plan de Rescate» de Antía Yáñez. Para escapar da biblioteca, a rapzada terá que seguir as pistas e rescatar aos compañeiros e compañeiras que fiquen atrás. Serán capaces? Só teñen unha hora!
2 de maio, 18:00, MIHL
Pakolas – A Ramona pequena vai á lúa (50 minutos, a partir de 3 anos)
Pakolas conta e canta a historia de Ramona pequena, unha nena movida por constantes inquietudes que adora perderse entre as páxinas de Xulio Verne.
Unha nova aventura rockeira de Ramona Órbita na súa infancia, chea de imaxinación e aprendizaxe.
9 de maio, 18:00, MIHL
Trécola Teatro – O Tesouro (40 minutos, a partir de 4 anos)
Contaconto teatralizado no que, da man de dúas aventureiras, iremos coñecendo os contos: «11 damas atrevidas», «Teresa non quere ser princesa», «Bieito e o seu carriño», «Unllas de cores» e «Monstro Rosa». Da man dos seus protagonistas, descubriremos o tesouro que buscan: todos somos diferentes e isto é o máis divertido.
30 de maio, 18:00, MIHL
Bea Campos de Migallas Teatro – Cinco Ratiños de Conto (de 1 a 3 anos, 30 minutos)
Na aldea do queixo fresco os ratiños cantan cancións e escoitan divertidas historias como a da ratiña e a moeda de ouro ou a do rato que se agocha nun zapato. Sons e texturas apoian as historias e captan a atención dos nenos e nenas, nunha proposta sinxela e divertida para gozar en familia.
6 de xuño, 18:00, MIHL
Caxoto – Grandes Éxitos 2004-2024 (cantar e Contar) (a partir de 4 anos, 60 minutos)
O gran contador de contos Caxoto leva xa 20 anos percorrendo bibliotecas e escenarios de toda Galiza. Para celebrar esta efeméride, decidiu facer unha selección dalgún dos seus maiores éxitos, centrándose na parte máis musical, para dar lugar a un espectáculo festivo, cheo de contos e cantos.
13 de xuño, 18:00, MIHL
Paula Carballeira – Tres irmás, tres camiños e tres grandes perigos (a partir de 4 anos, 50 minutos)
En moitos contos hai tres irmás: a maior, a do medio e a pequena, pero en poucos contos teñen nome, nome propio, e o nome é importante para que se lembren de ti e da túa aventura. En moitos contos hai camiños, a miúdo é un só camiño, pero se hai tres, cada irmá pode escoller o seu propio destino.