Demanda ao Goberno manter as compensacións económicas estabelecidas para o sector marisqueiro até a recuperación íntegra da produción
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para que o MITECO analice o cumprimento do proxecto para a dragaxe da Ría do Burgo antes de recibir a obra e manteña as axudas ao sector marisqueiro até a plena capacidade produtiva. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a Ribera corrixir as afectacións e consecuencias negativas derivadas da vulneración da Declaración de Impacto Ambiental para poder realizar adecuadamente os labores de sementeira co permiso da Xunta.
As actuacións de dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo rematarán o vindeiro 26 de abril, momento en que se procederá a sementar adecuadamente marisco coas catro especies de bivalvos propias do espazo. Con todo, será necesario un período de entre 18 e 24 meses para que se restaure a capacidade produtiva da Ría do Burgo e as persoas do sector poidan volver vivir do se traballo.
Neste sentido, a organización nacionalista congratúlase polo fin dun ciclo de reclamación e defensa social da rexeneración da Ría do Burgo mais lamenta que poidan «existir novas sombras sobre a Ría que afecte directamente tamén a quen traballa nela». Os mariscadores, explica Rego, acaban de presentar un informe en que dan conta de que, vulnerando o Estudo de Impacto Ambiental, as obras de dragaxe eliminaron 40 % do banco marisqueiro do Carniceiro, un dos máis ricos, o que supón unha grave alteración para o hábitat da ría e para a posterior produción marisqueira, da que procederán a dar conta perante a Unión Europea, entidade emisora dos fondos para a dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo.
Dun total de 30 subzonas de produción, observouse que 27 delas sufriron algún tipo de afectación como resultado das obras de dragado. Especificamente, todas as subzonas destinadas ao marisqueo a flote, ao igual que 22 dos 25 bancos de marisqueo a pé.
«O MITECO debe analizar o cumprimento do proxecto de obra, atendendo ao Estudo de Impacto Ambiental, á vista do informe elaborado polos mariscadores e o biólogo da Xunta, que confirma a eliminación do 40% do banco marisqueiro do Carniceiro e afectacións noutros bancos da ría para avaliar as posíbeis consecuencias que desta afectación se deriven» subliña Néstor Rego.
Así mesmo, o BNG sinala que o proxecto de dragado ambiental estabelece claramente que a duración total da paralización da actividade marisqueira inclúe o período desde a finalización até que os bivalvos sementados posúan unha talla comercial. «Este período de recuperación estímase nun rango de 18 a 24 meses. Durante este tempo, os mariscadores non poderán levar a cabo a súa actividade comercial habitual extraendo marisco da ría» afirma o deputado nacionalista.
Neste sentido, a organización nacionalista urxe o Goberno a negociar de boa fe coa Confraría e a Xunta de Galicia e chegar a un acordo que permita a continuidade das compensacións económicas estabelecidas na actualidade para o sector marisqueiro da Ría do Burgo até a recuperación íntegra da capacidade produtiva.