Piden a posta en valor do río Celeiro de Sarria con actuacións de mantemento periódico e a mellora do paseo fluvial

por Redacción Lugo

Os populares queren que «se conserve o río ao longo de todo o ano e se poña en valor o entorno para que resulte atractivo para os veciños e para que os visitantes e peregrinos leven unha boa imaxe de Sarria»

Os concelleiros do PP de Sarria teñen rexistrado na mañá deste luns unha iniciativa que defenderán no vindeiro pleno ordinario para reclamar ao Concello a posta en valor do río Celeiro, coñecido tamén como río Pequeno, “con todas as accións que sexan necesarias para favorecer un maior protagonismo como patrimonio natural e paisaxístico do noso municipio”.

Os populares propoñen non só “levar a cabo os labores de limpeza das marxes e da propia canle requirindo a actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil cando sexa necesario”; senón que unha vez realizadas se planifiquen actuacións para o seu mantemento periódico e permanente de cara a evitar chegar de novo á situación actual de “completo abandono” xa que en moitas partes “a vexetación chega a cubrir a canle do río”.

Igualmente, os concelleiros do PP demandan o acondicionamento e mellora do paseo fluvial, así como a ampliación do mesmo de forma que se estuden as posibilidades para a súa conexión co barrio da Estación.

En definitiva, “queremos que se conserve o río en boas condicións ao longo de todo o ano e se poña en valor o entorno para que resulte atractivo como espazo de recreo para os sarriaos e sarriás e tamén para que os visitantes e peregrinos leven unha boa imaxe de Sarria”. De feito, “o descoido do río é un comentario habitual por parte de visitantes e peregrinos nas súas valoracións sobre a nosa vila” tendo en conta que “é especialmente palmario en ubicacións como a Ponte da Áspera ou o entorno da Estación de Tren, lugares de especial tránsito de persoas e chave para a imaxe do noso pobo”, engade a portavoz Carmen José López.

A popular sinala que “xa é moita casualidade que o goberno local dea comezo aos traballos de limpeza dos ríos xusto ao día seguinte de que o noso Grupo Municipal rexistraba formalmente esta iniciativa ante o Concello, o que non fai máis que evidenciar, unha vez máis, que estamos ante un Goberno carente de proxecto e de iniciativa, que só reacciona cando non lle queda máis remedio e como reacción á labor da oposición”. Con todo, “alegrámonos que a nosa iniciativa e actividade teña efectos positivos para Sarria, xa que este era precisamente o noso obxectivo como oposición”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario