O PP de Samos advirte do “aumento da precariedade” do SAF municipal

por Redacción Lugo

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia que “seguen aumentando as deficiencias no SAF municipal”. O popular explica que “primeiro a alcaldesa aumentou as taxas pola porta de atrás, despois recoñeceu en pleno que ten unha lista de espera de 14 persoas e agora sabemos que non se está a cubrir os días que piden as traballadoras por asuntos propios”.

Gallego explica que “os maiores din que moitas veces na semana perden varias horas de servizo, pois se falta a traballadora non aparece ninguén a substituíla, de xeito que algúns que viven sós teñen que apañarse como poidan. Algúns que teñen 5 horas á semana ás veces perden 2 ou 3, pero pagar pagan o mesmo”.

O popular subliña que “a desatención que padecen teña sempre a mesma resposta por parte do Concello: a de non hai persoal-” e, polo tanto, condena que “o goberno local non faga nada por buscalo”.

Dende o Grupo Municipal do PP recórdanlle á señora alcaldesa que “este servizo está financiado maioritariamente pola Xunta e ademais acaba de recibir 36.000€ da propia Xunta para sufragar gastos das vivendas comunitarias”.

Os populares non entenden en que se gastan os cartos: “para farándula e festas parece ser que sempre hai, pero para dar os servizos que necesita a poboación non”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario