Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensións

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas, como a mellora do salario mínimo interprofesional e a revalorización das pensións”. Foi durante a manifestación con motivo do Primeiro de Maio, na que estivo acompañado pola alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos; o presidente da Deputación lucense, José Tomé; a coordinadora do PSdeG co Parlamento de Galicia, Lara Méndez, e o coordinador do partido coas Cortes Xerais, César Mogo.

Besteiro lembrou, porén, que Galicia enfronta neste momento importantes retos porque “medra menos que o resto de España, case un 30 % menos”, soporta unha taxa de actividade “seis puntos por debaixo da media estatal” e, entre outros aspectos negativos, nos últimos 15 anos “perdeu case 70.000 postos de traballo industriais, fonte a España, que sumou 700.000”.

“Pedímoslle á Xunta de Galicia de Alfonso Rueda que se poña as pilas e que non perdamos oportunidades”, dixo o líder socialista, que sinalou especialmente a necesidade de que o Goberno galego impulse políticas efectivas “en materia de emprego e en materia de industria, para conseguir máis traballo e de mellor calidade”.

Besteiro demandou especialmente “unha política de igualdade da clase traballadora”, co fin de superar a fenda salarial entre homes e mulleres, que “ganan case un 20 % menos facendo o mesmo traballo”. Por iso, asegurou que o Primeiro de Maio “é tamén o día da igualdade, é o día da clase traballadora e é o día de esixir que Galicia non perda oportunidades”.

A alcaldesa de Lugo coincidiu con Besteiro en aproveitar a xornada para “celebrar todas esas políticas sociais e laborais do Goberno de Pedro Sánchez”, pero insistiu en esixir melloras “para os sectores precarizados, que xeralmente están moi feminizados”. Alvarellos destacou tamén a necesidade de permanecer alerta “para que as políticas de dereitas e ultradereita non nos coman o terreo”.

Pola súa banda, o presidente provincial apuntou entre os motivos para a celebración “ese novo equipo que ten o PSdeG e que nos vai levar a medio prazo a presidir a Xunta de Galicia”, ademais do “paso adiante que dá o presidente do Goberno, que, sen dúbida, vai supoñer un punto e aparte”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario