A UDC contará con 9 espazos no evento, que desenvolverán durante todo o día talleres e actividades para todos os públicos
A Universidade da Coruña colabora mañá coa celebración do Día da Ciencia na Rúa, promovida polo Concello da Coruña a través dos seus museos científicos, e que terá lugar no parque de Santa Margarita en horario de 11:00 a 19:00 horas.
Son varios os centros e servizos da UDC que contarán cun espazo no evento, os cales organizarán múltiples actividades:
- Desde a Universidade Senior da UDC, as docentes Araceli Serantes e Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, participarán coas actividades que traballaron co alumnado durante o curso. Por unha banda, en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente, explicaranse os procesos para a elaboración de compost e microscopios. Así mesmo, ofreceranse pequenos retos matemáticos para dar a coñecer persoeiros a través de xogos, puzzles e recursos de matemaxia.
- A Cátedra Emalcsa-UDC organizará unha serie de actividades que teñen como principal obxectivo presentar de maneira didáctica os diferentes usos da auga para a produción de enerxía, tales como unha nora hidráulica, unha máquina de vapor, ou o proceso de electrólise, e se presentará o proxecto COAWA.
- A asociación de estudantes “Iniciativas Culturais de Deportivas Universitarias” (INCUDE), levará xogos de taboleiro e lóxica sinxelos (como tángram, crebacabezas de madeira, catro en raia, etc.) para que a xente se achegue a xogar durante todo o día.
- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC), levará á rúa unha ampla axenda de actividades adaptadas para persoas con discapacidade: talleres de circuítos e luz, xogo personalizado, adaptación para a xeración de imaxes con IA, coches robot con volante adaptado, modelado de personaxes 3D, xogos de realidade virtual, Nintendo Switch adaptada, piano musical, etc.
- O Grupo de Divulgación Científica e Innovación Docente UDCiencia d+i participará cunha serie de obradoiros sobre o ollo humano, os cromosomas de Hansi, enerxías renovables e educación ambiental.
- A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos propoñerán diversos experimentos para mostrar o mundo da enxeñaría civil, amosando como funcionan as estruturas de formigón, como se deseñan as celosías nas pontes, os arcos de dovelas, ou mesmo os ferrocarrís.
- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA) levará talleres de biomedicina, nanociencia e sostibilidade, nos que os máis pequenos poderán cambiar de cor compostos químicos, probar algas mariñas, deseñar as súas propias bacterias, ou mesmo extraer o ADN dun plátano, entre outras actividades.
- A Facultade de Ciencias ofrecerá así mesmo obradoiros sobre biomoléculas, especies invasoras, microplásticos e calidade do aire.
En total serán 9 carpas da UDC, das 62 que estarán coas que contará o Día da Ciencia na Rúa e que estarán repartidas polo parque con centos de actividades ao alcance de todos os públicos. Ademais, tamén haberá xornada de portas abertas nos museos científicos coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae).