Alana estrea ‘O xeito á cántigha’, o seu primeiro disco

por Redacción Galicia

Liñares é o videoclip de presentación dun álbum nacido das recollidas tradicionais que o grupo mestura con ritmos de base electrónica e pop

Alana, o grupo formado por Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro, presenta o seu primeiro disco ‘O xeito á cántigha’, un traballo de 14 temas baseado en cancións tradicionais acompañadas de ritmos de base electrónica e pop. Desde hoxe o novo traballo do trío bergantiñá está dispoñible en todas as plataformas dixitais e en formato CD. Ademais do álbum, Alana presenta hoxe o videoclip da xota de Liñares dirixido por Jorge López.

Nunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego, Delfina de Cerceda explícalle á musicóloga como dar «o xeito á cántigha» nas melodías das muiñeiras e das xotas. Esa gravación de hai máis de 40 anos é a orixe que dá nome ao álbum. «O noso disco existe grazas ás señoras e señores que cederon, e ceden aínda, os seus saberes desinteresadamente, creando un país rico en tradicións, cultura e melodías, e ás cales tanto lle debemos» din desde Alana. «Ao falar destas recollidas é común centrarse nas melodías ou acompañamentos de percusións. Para nós as propias conversacións que se dan nestes procesos e onde as informantes tamén falan das súas vidas e costumes son necesarias e claves porque contextualizan o que din cantando.»

Alana presentará ‘O xeito á cántigha’ este sábado, 4 de maio, nun concerto no Studio Follow da Coruña ás 20.30 horas para o que aínda quedan entradas». Nel participarán algunhas das artistas que colaboraron na gravación do disco como Lina e Lola, Pedro García Louzao, Xabier Gómez Romero, Andrés Boutureira ou Ismael García. O trío seguirá presentando o seu novo traballo o 11 de maio en Ames, o 17 de maio en Boiro e o 15 de xuño na Ruada das gotas de Ribadumia. No verán teñen varias datas confirmadas que anunciarán proximamente.  

«O que tiñamos claro dende o principio era a necesidade de ter unha identidade única que nos permitira ser nós mesmos coas nosas creacións». Partindo das recollidas produciron un disco melódico con arranxos de percusión, guitarra, gaitas e mesmo con coros, como no Pasodobre de Muxía. O disco, producido por ew e masterizado por Manuel Dourado, foise xestando aos poucos ata chegar ao son que buscaban. «Estamos moi orgullosas do resultado», aseguran.    

Alana é un nome que procede da «voz de Alun» que en linguaxe celta significa harmonía. Na súa curta vida o grupo formou parte de espazos como a Foliada da Fonsagrada ou a Muinhada de Vimianzo. En 2023 gañaron os Premios Xuventude Crea na categoría de música.

Datos técnicos de ‘O xeito á cántigha’

Gravación e edición: Eloy Vidal
Produción musical: ew (Eloy Vidal)
Masterización: Manuel Dourado
Produción: Alana
Diseño gráfico: Luso
Fotografía da portada: Jorge López

Antía Vázquez Pantín: voz, pandeireta, ferriños, pandeiro e pandeira.
Eloy Vidal Varela: voz, guitarra, teclado, baixo eléctrico
Pablo Castro Lema: bombo, tamboril, plato, lata e gaita.

Colaboracións

Xabier Gómez Romero: voz en Consuelo de Muiñeira, coros en Pasodobre de Muxía e
acordeón en Queimadelos.
Pedro García Louzao: voz e pandeireta en Sofán.
Xurxo Fernandes: voz en Lema.
Lina e Lola (Saínza, Mónica, Paula, Violeta, Claudia, Melisa, Alba, Tania):
voces en Dolores Castiñeira.

Título das cancións

1. 20 e 2 señoras
2. Liñares
3. Cantares de Camariñas
4. Foliada de Negreira
5. Canto de pol
6. Lema
7. Dorinda de Xacobe
8. Ruada no Pereiro
9. Pasodobre de Muxía
10. Dolores Castiñeira
11. Consuelo de muiñeira
12. Carmiña Carmela
13. Follas de Queimadelos
14. Delfina de Añobres

Datos técnicos ‘Liñares’

Dirección: Jorge López
Operador de cámara: Javier González
Montaxe e cor: Jorge López e Javier González
Son: Pablo Castro e Eloy Vidal
Edición e grabación do son: Eloy Vidal
Masterizado por Manolo Dourado
Producción musical de Ew
Producido por Alana

Eloy Vidal: voz e guitarra
Antía Vázquez: voz e pandeireta
Pablo Castro: percusións

Actores e actrices: Paco Pantín, Marta Doviro, Bruno Vázquez, Hugo Vázquez, Area Salgado, Tino Fernández, Miguel Castro, Begoña Lema e Alana.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario