Os deputados populares lamentan que nin PSOE nin BNG «teñen ambición» por poñer en valor o sector primario da provincia dende a Deputación, nin achegar os grandes produtos que temos en Lugo a mercados aos que aínda non chegaron «perdendo así unha gran oportunidade para que medren as nosas empresas e autónomos vinculados ao sector agroalimentario»
A Deputación de Lugo non estivo presente no Salón Gourmets que se celebrou en Madrid do 22 ao 25 de abril “deixando pasar así a oportunidade de promocionar as bondades do produtos da provincia para que medren as nosas empresas e autónomos vinculados ao sector agroalimentario”, unha ocasión que si que aproveitaron outras Deputacións de Galicia, como foi a de Ourense.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide pide que dende a Deputación de Lugo se impulse ao sector primario da provincia “ben sexa a través da participación do ente provincial neste tipo de eventos ou apoiando aos diferentes produtores a súa asistencia a estas feiras nas que difundir os seus produtos”.
Dende o Grupo Provincial Popular defenden que “este tipo evento son fundamentais” para este sector xa que congregan a moitos profesionais e permiten “presentar de primeira man os grandes produtos que temos na provincia” e así “darlles a oportunidade de chegar a mercados aos que, doutro xeito, teñen moito máis complicado chegar”.
Os deputados populares si aplauden o esforzo da Xunta de Galicia para axudar aos produtores a divulgar os produtos de calidade da nosa provincia e a fomentar o seu consumo, a través de campañas informativas, salóns e feiras nacionais e internacionais e diversas liñas de axuda, “unha mágoa que PSOE e BNG na Deputación non vexan a importancia deste tipo de implicación das administracións”, condena Ameijide.
Neste senso, os populares insisten en que a Deputación de Lugo “non pode perder máis oportunidades coma esta” e “debería de participar en todos os eventos posibles” para así “facer que as bondades dos produtos da nosa provincia cheguen ao maior público posible”.