O Grupo Popular demanda que a Xunta inclúa a praza vacante do centro de saúde da Fonsagrada en futuras ofertas de emprego de difícil cobertura

por Redacción Lugo

Encarna Amigo explica que a unidade de raios móbil adquirida pola Xunta garantirá o acceso a estes servizos nas zonas rurais galegas.

A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo demandou onte no Parlamento de Galicia que a Xunta inclúa a praza vacante do centro de saúde da Fonsagrada en futuras ofertas públicas de emprego para prazas de difícil cobertura, así como, na medida do posible, contrate un facultativo interino de longa duración.

Encarna Amigo lembrou que “a carencia de médicos de familia é xeneralizada no conxunto de España” e explicou que, “aínda ofertando a totalidade das prazas que acredita o Ministerio de Sanidade, sabemos que son necesarias máis”. “Ese foi o motivo polo que desde o Partido Popular e a Xunta levamos tempo pedindo ao Ministerio que acredite máis prazas para as especialidades deficitarias, como medicina de familia ou pediatría”, apuntou.

MEDIDAS ADOPTADAS POLA XUNTA

Diante desta situación, o Goberno galego adoptou medidas, dentro do seu ámbito de competencias, para poder dar solución aos difíciles problemas existentes para dotar de profesionais a determinados centros. En concreto, puxo en marcha a lexislación de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura a través de concurso de méritos, o que xa permitiu ofertar 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria en 2022 e outras 72 máis en 2023. Recentemente, a Administración galega xa adxudicou 64 prazas de difícil cobertura, mellorando a atención sanitaria a moitos galegos.  

Respecto da prestación de servizos de radioloxía e fisioterapia na Fonsagrada, Encarna Amigo indicou que “a Xunta xa licitou a contratación dunha unidade de raios móbil, que reforzará o servizo no rural galego e que garantirá un adecuado acceso a estes servizos, ao tempo que se optimiza o uso dos recursos públicos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario