A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos traballos de prevención de incendios a un mes de que remate o prazo límite. Dacosta acusou ao goberno galego de incumprir coa obriga de presentar publicamente en prazo o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais deste ano, poñendo en risco o monte galego.
A responsable socialista presentará unha pregunta oral na Comisión de Agricultura que se celebrará o próximo martes para esixirlle ao director xeral de Montes que faga entrega da documentación que a Xunta ten anunciado mediante nota de prensa pero que aínda non fixo pública. Advertiu que antes da aprobación do dito Pladiga, este ten que ser presentado antes no Consello Forestal, pero o órgano aínda non foi convocado.
Dacosta explicou que da aprobación deste documento depende que o goberno galego dea a orde de comezar cos traballos de prevención de incendios, que inclúen áreas cortalumes, devasas, faixas auxilizarles de pistas e camiños, rozados ou faixas de xetión de biomasa. Estes traballos, que deben de realizarse antes de xuño, aínda non se realizaron, co que a Xunta volve incumprir cos prazos previstos mentres os montes galegos se cargan de biomasa.
Esixiulle ao goberno galego que cumpra coa súa obriga, xa que os incendios forestais na actualidade “non entenden de estación”, polo que “ten pouca lóxica que agarden a comezar cos traballos cando xa levamos medio ano de sucesos e a prevención xa debera de estar realizada.
Maquillaxe e engano
A consecuencia do desleixo da Xunta é que cada ano se repitan os fallos e eivas que afectan á aplicación do Plan de prevención, mentres a única preocupación é a de “maquillar a realidade e enganar á cidadanía”. Explicou que o operativo de extinción de incendios que anuncia a Xunta, integrado por 7.000 persoas, en realidade non están a disposición ou son vacantes, co que a realidade é que o dispositivo é de menos da metade, nin sequera 3.000 persoas.
A realidade do día a día, explica, é moi diferente da que presenta o goberno galego, xa que carecen de análise de intervención, reunións operativas, protocolos de coordinación entre a Consellería e o operativo, omiten as estruturas operativas e o dispositivo funciona “por inercia e sen un obxectivo claro”. Ademais, as baixas de persoal quedan sen cubrir durante anos, tanto no persoal de prevención propio como dos axentes forestais.
Alertou de que hai distritos forestais que deberan contar con ata 23 axentes ambientais e forestais e só contan con 14, reducindo a súa eficacia e un maior perigo para os ecosistemas forestais de Galicia, con menor protección, maior tempo de reacción e menor eficacia. Ademais falla a vixilancia 24 horas en días de risco alto, con moitas zonas de sombra desatendidas e os puntos de vixilancia fixos.