O acto contará coa presenza do seu autor, Xosé Díaz, e terá lugar este martes día 7, as 19.30 horas, no local de Portas Ártabras
Este vindeiro martes día 7, as 19.30 horas, no local de Portas Ártabras-Amigos dos Museos de Galiza (rúa Sinagoga, 22) da cidade da Coruña, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza na cidade herculina a presentación do último libro de Xosé Díaz.
Con esta obra, titulada ‘Autogoberno e sistemas de financiamento. O papel da nación galega’, o autor pretende presentar dun xeito resumido as cuestións esenciais que suscitan os sistemas de financiamento no Estado español, centrándonos especialmente nas deficiencias que, desde un punto de vista nacionalista galego, caracterizan o chamado sistema de réxime común, que afecta a 15 das Autonomías, agás as forais.
Deste xeito, Xosé Díaz destaca que mesmo o Tribunal Constitucional canso está de acreditar en diversas das súas sentenzas que «Autonomía non é Soberanía», poñéndonos de manifesto a moca que supón escoitar a tantos que o Estado español «é o máis descentralizado do mundo», crenza baseada no seu españolismo, na fe, ou na ignorancia sobre as competencias de que dispoñen os Estados, por exemplo, que forman os EUA, que tomamos como exemplo porque nunca escoitarán falar destas competencias á morea de «teóricos españolistas especialistas nesta temática», malia a admiración que profesan polo mesmo.
A presentación desta obra, publicada en Laiovento, é outra máis das actividades que está a desenvolver ao longo do país a organización federativa que na actualidade está conformada por máis de trinta asociacións culturais galegas.