«A dragaxe foi incorporada ao acordo conseguido polo BNG en 2020 mais non deixaremos de traballar até conseguir a rexeneración integral da Ría do Burgo» afirma Rego
O Bloque Nacionalista Galego mostra a súa satisfacción no remate das obras de dragaxe da Ría do Burgo que foi froito «da mobilización social para conseguir unha Ría viva e produtiva» e impulsada «polo acordo conseguido polo BNG en 2020». Do mesmo xeito, a organización nacionalista asegura que é «un paso máis para a rexeneración integral da ría» mais avanza que existen elementos pendentes de realizar para completala. Así mesmo, rexistra iniciativas no Parlamento Galego e nas Cortes Xerais para que Xunta e Goberno do Estado se poñan dacordo e estabelezan axudas aos mariscadores e mariscadoras que verán parada a súa actividade económica entre 18 e 24 meses.
«Esta obra de dragaxe incorporouse ao acordo de investidura logrado polo BNG no ano 2020 e foi un dos primeiros elementos que se puxo en marcha» lembra o deputado do BNG no Congreso.
O remate das obras, segundo explica Mercedes Queixas, é o resultado dunha sociedade que durante décadas «non deixou de mobilizarse na defensa do dereito a poder vivir a carón dunha ría viva e produtiva». Acompañando as mobilizacións, lembra a deputada nacionalista, sempre estivo o BNG que mesmo levou iniciativas a todas as cámaras onde ten representación: Concellos, Parlamento Galego, Congreso, Senado e Parlamento Europeo.
«Que as obras de dragaxe rematasen non quere dicir que a rexeneración integral da Ría do Burgo estea conseguida» aclara a deputada do BNG que mesmo explica que após a sementeira de bivalvos, a ría tardará aproximadamente 24 meses en seren produtiva.
Axudas para o sector marisqueiro
«O BNG vai continuar traballando para que o Goberno do Estado se poña dacordo coa Xunta para garantir as axudas aos mariscadores e mariscadoras» anuncia o deputado nacionalista nas Cortes. Segundo explica, Xunta e Goberno do Estado «están a lanzarse a pelota entre si» e incluso «mirando cara a outro lado para desentenderse do tema» mais «é inadmisíbel que non haxa un mínimo de diálogo para solucionar este problema».
Ten que haber, sinala Néstor Rego, axudas para o sector marisqueiro da Ría do Burgo. Por iso, a deputada do BNG na cámara galega defendeu que a Xunta de Galiza se poña do lado dos mariscadores e mariscadoras e asuma as compensacións económicas destes 24 meses». En calquera caso, especifica, que a Xunta abra unha mesa de diálogo co Goberno do Estado para impulsar ese novo convenio «que protexa e blinde os mariscadores e mariscadoras».
Comprobar que as actuacións de dragaxe foron as correctas
A deputada do BNG no Parlamento avanzou o rexistro de iniciativas que se debaterán proximamente na cámara galega «instando a Xunta de Galiza a que analice se as obras responden ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental elaborado». Neste sentido, Rego destacou a existencia dun informe da Confraría que fala da existencia de afectación nun banco marisqueiro. «Hai que constatar que as actuacións foron as correctas e que non hai ningún banco marisqueiro afectado. E, de haber algunha incidencia, ten que ser corrixida» sinala.
«Faltan, ademais, actuacións no entorno da Ría como completar o paseo, especialmente na zona do Paraíso. Recuperar e rehabilitar o mobiliario que tivo que ser apartado para poder realizar as obras de dragaxe e mesmo plantar novas arbores que foron taladas» enumera o deputado do BNG.