Talía Teatro organiza unha función solidaria por Palestina

por Redacción Galicia

O importe recadado será doado a UNRWA España

Talía Teatro quere amosar o seu apoio ao pobo palestino, que está sufrindo un brutal xenocidio e vivindo unha situación humanitaria límite.

O sábado 11 de maio ás 20 h na Casa da Cultura de Cee realizarán unha FUNCIÓN SOLIDARIA do espectáculo UNHA INIMIGA DO POBO.

As entradas están á venda na Biblioteca Municipal de Cee e na Óptica Safa de Cee a un prezo de 10 €. (Tamén hai a posibilidade de colaborar mercando entradas na fila 0)

Todo o diñeiro recadado doarase á entidade UNRWA España.

Unha inimiga do pobo acadou sete Premios María Casares: Mellor espectáculo, Mellor dirección, Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario, Mellor adaptación, Mellor espazo escénico e Mellor iluminación.

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. A vixencia do texto maniféstase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX aínda se volveron máis profundos e nocivos na actualidade. Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión.

SINOPSE

Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario