Milladoiro celebra o seu 45º aniversario cun concerto especial no Palacio da Ópera de A Coruña o vindeiro 19 de maio de 2024
As entradas estan xa á venda en ataquilla.com dende 12 euros + gastos de xestión. Este concerto está promovido pola promotora galega Thinking Up Events e conta coa colaboración do Concello de A Coruña.
O 19 de maio de 1979 Milladoiro pisaba por vez primeira as táboas dun escenario. O seu debut foi na cidade de A Coruña, no Auditorio dos Salesianos, nun concerto organizado polo Ateneo. 45 anos despois, voltan á cidade que os viu nacer profesionalmente para ofrecer un recital especial. O concerto consistirá nun repaso da súa historia e non estará desprovisto dalgunha sorpresa.
En 1980, un ano despois dese concerto, publicaron «A Galicia de Maeloc», un dos seus discos máis populares e no que se definiu o «estilo» de Milladoiro, a súa mistura tímbrica propia; ao que seguiron máis de 24 traballos discográficos, con temas icónicos e intemporales.
A banda, na actualidade, está formada por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro; e garda sempre un agarimoso recordo aos seus fundadores. Milladoiro tamén colaborou con notables artistas do panorama internacional ao longo da súa traxectoria.
A banda recibiu recoñecementos senlleiros como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004); o premio Goya á mellor banda sonora orixinal, por «La Mitad del Cielo» en 1986; o premio da Música concedido pola SGAE e AIE, o Pedrón de Ouro, concedido polo Padroado Rosalía de Castro no ano 1985.
Entre os escenarios que visitou a banda ao longo dos anos destacan a Cathedral of St. John the Divine de Nova Iork, o Teatro Nacional Cervantes de Buenos Aires, o Teatro Gran Casino de Xenebra, a Casa Internacional da Música de Moscú, ou o Ryutsu Center de Tokio; ademais do Palau de la Musica Catalana de Barcelona, o Gran Teatro de Córdoba, o Teatro Arriaga de Bilbao, entre moitos outros. E por suposto, sempre en Galicia, con multitude de actuacións en teatros, auditorios e ao aire libre.
En palabras de Milladoiro: «subir a un escenario é un acto que aposta pola longa vida dun tipo de música e, quizais, tamén dun tipo de vida; é a reafirmación e recoñecemento a unha herdanza que permaneceu fértil grazas a mans sen nome».
Foto portada: Andrés Rey