O concelleiro Ramón Cabarcos explicou que “no pleno do 1 de abril, Jorge Bustos, afirmou que Evislusa tiña o documento listo para pasar a aprobación da Xunta de Goberno pero, pasou máis dun mes, e seguimos no mesmo punto”
Os populares recriminan “a lentitude na elaboración das bases reguladoras para tramitar as axudas á rehabilitación do casco histórico” aclarando que “esta demora suporá trasladar ao cidadán a presión de cumprir os prazos para entregar os proxectos que deben estar presentados o 31 de decembro”.
Ramón Carbarcos insiste na urxencia de que se faga este traballo con máxima premura para non perder o MILLÓN DE EUROS dos fondos europeos deste programa e recrimina “a insensatez” de socialistas e nacionalistas nesta cuestión recordando como, en febreiro, durante o pleno chegou a dicir que “a urxencia (deste asunto ) agora mesmo non é ningunha”.
No propio informe de xestión de Evislusa se recolle que «a finais de 2023 se inicia a redacción da proposta de bases reguladoras para Rehabilitación do casco histórico» pero “vemos que pasan os meses e que a estas alturas, non hai nin convocatoria, nin bases que regulen as intervencións para rehabilitar vivendas no recinto amurallado”.
Hai que ter en conta que o remate do prazo para a adxudicación dos proxectos é o 31 de decembro de 2024, e que en xuño de 2026 conclúe o prazo para finalización das obras de rehabiltación.